Skip to main content

Charo Golmar presenta en Santiago o seu primeiro poemario 'Nobelo de luz'

Tamén participaron no acto Xosé Luna, autor do limiar; Amalia López Luchi, ilustradora; e Armando Requeixo.

O poemario Nobelo de luz inspírase na experiencia docente da autora para narrar en primeira persoa os desexos e inquedanzas dun meniño especial que ten dificultades para expresarse e ser comprendido. A obra apela á esperanza para abrirlle os ollos á sociedade e concienciala de que cómpre un mundo máis comprensible e comprensivo. En palabras de Xosé Luna, autor do limiar, “Nobelo de luz é unha lección de vida para entender que todos somos diferente(mente) iguais”. A obra conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e do restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela.

A autora

A lalinense Charo Golmar desenvolve o seu labor profesional como docente no CEIP Xesús Golmar de Lalín (Pontevedra). Vencellada desde sempre ao mundo da literatura e da cultura, é colaboradora asidua en obras colectivas e participante activa en actos de recoñecemento a persoas relacionadas dos ámbitos cultural, literario e docente. É, ademais, membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas.

Entroutros galardóns, conta no seu haber con recoñecementos poéticos e é autora de obras colectivas, como Libro dos Reis Magos (2012), Homenaxe a Manuel María (2015-2017) , Homenaxe a Olimpio Arca Caldas (2016) ou Pico Sacro ferido polo lóstrego e a lenda (2017).
Edicións Fervenza