Skip to main content

A Axencia Tributaria de Galicia publica as liñas xerais do Plan de control tributario

En cada un destes plans fíxanse as liñas de actuación que hai que executar e os obxectivos que alcanzar. Como novidade no eido do control, o plan de 2020 inclúe un novo apartado relativo ao control da tributación nas doazóns con causa onerosa. Un exemplo destas doazóns é o contrato de vitalicio, unha figura recollida no Dereito Civil de Galicia e que consiste, por exemplo, na entrega dun ben a cambio de recibir coidados e alimentación.

Ademais, o ente tributario galego continuará potenciando o cumprimento voluntario das obrigas tributarias, así como a redución das cargas administrativas e a loita contra a fraude fiscal a través dos novos medios tecnolóxicos, como a automatización de procesos, un proxecto piloto xa licitado pola Xunta o pasado mes de maio.

Así, no apartado de información e asistencia, a ATRIGA seguirá potenciando a administración electrónica, e avanzarase no pago mediante domiciliación e a universalización do pago on line con tarxeta, a coñecida como TPV Virtual. En canto ao apartado de colaboración social, continuarase incidindo no intercambio de información con outras administracións e con outros colectivos profesionais, como os notarios ou os rexistradores da propiedade, cos que xa se teñen asinado convenios de colaboración.
Axencia Tributaria de Galicia