Skip to main content

O Gaiás anima ás familias a gozar dun 'Agosto monicrequeiro' con tres das mellores compañías galegas

As tres actuacións celebraranse ás 19,00 horas, no Xardín do Teatro. Habilitaranse prazas dobres e cuádruplas para conviventes e será obrigatorio a máscara sanitaria en todo momento. No caso de choiva, os espectáculos trasladaranse ao andar -1 do Museo Centro Gaiás.

Compañías premiadas

Agosto monicrequeiro botará a andar o 5 de agosto con Boabab Teatro e o seu espectáculo Roque, Roquiño descobre o camiño. A directora e actriz Andrea Bayer contará coa pícara marioneta Roque para darlle a coñecer á cativada anécdotas divertidas para profundar na historia do Camiño de Santiago.

Os espectáculos desta compañía contan con numerosas distincións, como o Premio ao Mellor Espectáculo Infantil na X Feria de Ciudad Rodrigo; Premio ao Espectáculo Máis Innovador na XXIV Mostra de Teatro de Ribadavia; ou Espectáculo Mellor Valorado polo Público Infantil na IX edición da Programación de Domingos do Principal.

O seguinte mércores, día 12, será a quenda do espectáculo Titiricircus de Tanxarina Teatro, no que se homenaxea os números de máis éxito dos circos tradicionais xa desaparecidos. Esta compañía tamén ten no seu currículo recoñecementos varios; os máis recentes o Premio ao Mellor Espectáculo de Títeres da Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas (Feten) ou o María Casares ao Mellor Espectáculo Infantil. Marionetas de fíos, de luva, de variñas, sombras chinesas, bunrakus predominan nos seus traballos como un sinal de identidade desde os seus primeiros espectáculos.

Pechará este ciclo familiar o 19 de agosto Os monicreques de Kukas, a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga de Galicia (1979) e que foi recollendo multitude de galardóns ao longo da súa ampla traxectoria: Premio da Cultura Galega ás Artes Escénicas (2019), Premio Xiria pola súa Tarefa Teatral (2019), Premio de Honra de Asociación de amigos del Teatro de Cuenca ou Mención de Honra polo seu traballo no Festival Internacional de Marionetas de Bilbao, entre outros moitos.

Á Cidade da Cultura traen Xan Perillán e a maleta máxica, espectáculo no que mesturan clown, pantomima, maxia e manipulación de monicreques.
Cidade da Cultura de Galicia