Skip to main content

Axudas do novo programa de Formación Dixital para desempregados maiores de 45 anos

O DOG vén de publicar a convocatoria deste programa que conta cun orzamento de 500.000 euros e está orientado á impartición de cursos de formación de 70 horas de duración distribuídas ao longo de tres semanas e cun número máximo de 10 alumnos por edición. As axudas están dirixidas a empresas con experiencia no ámbito da formación e, posteriormente, seleccionaranse as persoas participantes a través do Portal de Emprego de Galicia e das oficinas de emprego. A previsión é chegar a 17 empresas beneficiarias que poderían ofrecer formación a un total de 600 persoas.

Tendo en conta que o manexo das tecnoloxías dixitais é hoxe en día indispensable para acceder ao mercado laboral, o programa Sénior dixital abordará temáticas tales como coñecemento avanzado de ferramentas open office, de xestión documental compartida na nube, de almacenaxe de información ou para o envío de grandes volumes de datos, e de traballo compartido na nube ou en streaming. Está dirixido a un perfil de alumnado cun nivel de competencias medio no manexo de ferramentas en liña para o desenvolvemento de traballo compartido e/ou teletraballo.

As persoas desempregadas de longa duración son das que máis sofren as dificultades de reincorporarse ao mercado de traballo. Por iso, resultan particularmente necesarias as medidas para o emprego que faciliten o seu retorno ao mundo laboral.
Xunta de Galicia