Skip to main content

Lugo, referente da educación ao aire libre no Sur de Europa

O máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), un posgrao coordinado polo catedrático da USC na Facultade de Formación do Profesorado, está a converter o Campus de Lugo no referente do Sur de Europa en educación ao aire libre.

A singularidade dos contidos e das metodoloxías e prácticas educativas recollidas no programa do máster DAEN, un título exclusivo no conxunto da universidade española e que atopa non máis de media ducia de programas equiparables no contexto europeo, quedou reforzada tralo primeiro andazo da COVID-19. De feito, a pandemia activou de novo o debate e, se cabe, o interese pola educación ao aire libre, como o proban as máis de 50 solicitudes rexistradas na USC para cursar a próxima edición do máster DAEN, que ofrece un total de 25 prazas.

“As estatísticas de persoas pre inscritas fan pensar que se cubrirán todas as prazas”, sinala o promotor e coordinador deste título, o catedrático da USC Eugenio Otero Urtaza, que tamén apunta que esta formación de posgrao permite á Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo captar talento mozo tanto de Galicia como do resto de España, ao tempo que contribúe á internacionalización do centro universitario.

“A metade do alumnado da última edición do máster era de fóra de Galicia”, precisa Otero Urtaza, ao tempo que engade que algún dos titulados e tituladas no máster DAEN incluso opta por desenvolver a súa tese de doutoramento na Facultade de Formación do Profesorado, o que indica que este centro universitario avanza no bo camiño.

A transversalidade dos contidos incluídos no programa do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza é unha das súas fortalezas, aínda que supón a implicación dun cadro docente moi heteroxéneo do que forman parte profesores e profesoras de moi diversas áreas e incluso de varias das facultades e escolas do Campus de Lugo. A esta característica cómpre sumar tamén a existencia dunha importante carga de formación in situ, con visitas, seminarios e saídas a moi diferentes escenarios e paraxes ao aire libre. Estas dinámicas ben poderían considerarse como algúns dos postulados da Institución Libre de Ensinanza, da que o profesor Otero Urtaza está considerado como un dos seus máximos estudosos.

Proxección internacional

A colaboración que mantén desde hai anos a comunidade do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN) co Instituto Europeo de Educación de Aventura ao Aire Libre e Aprendizaxe Experiencial (EOE Network), unha rede internacional na que participan, entre outros profesionais, profesores, educadores, traballadores sociais e xuvenís, así como estudantes, ofrece tamén unha importante proxección internacional á Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC.

O profesor Otero Urtaza lembrou a xa tradicional participación de representantes do máster DAEN nas distintas actividades promovidas por EOE Network, ao tempo que fixo especial fincapé na intensa colaboración que mantén o centro universitario lugués coa universidade británica de Cumbria, o que se traduce na celebración de xuntanzas e convivencias periódicas nos Picos de Europa, ou con Plymouth, tamén en Inglaterra, e mesmo coa universidade de Marburg (Alemaña), na que estaba previsto celebrar este ano a conferencia internacional da EOE Network, adiada ata 2021 por mor da pandemia.

Identificado coas vantaxes e beneficios que reporta a educación ao aire libre, Otero Urtaza recoñece tamén a particular ambición de que a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo puidera acubillar no futuro unha edición da conferencia internacional da EOE Network, un fito que, na súa opinión, serviría para constatar o liderado que exerce a sede universitaria luguesa no eido da educación ao aire libre no sur de Europa.
Universidade de Santiago de Compostela