Skip to main content

A UDC retoma a actividade cultural con 'Un lugar común. Derivas do deseño e da arte contemporánea'

Un lugar común. Derivas do deseño e da arte contemporánea ofrece un paseo pola historia da arte e do deseño nas últimas décadas a partir dalgunhas da súas últimas derivas, sendo posible advertir nos seus protagonistas un achegamento á liberdade creativa do dadaísmo, á extremosidade propia do barroco, á inclinación pola colaxe como arma para desordenar e recompoñer o mundo ou unha ollada máis próxima ao natural e artesanal, mais tamén unha complicidade co mundo da empresa e da industria desde o creativo, a partir de obras de arte, pezas de mobiliario e de deseño industrial, de deseño de moda, obxectos de produción artesanal, cartaces, libros, publicacións, etc.

Esta exposición, organizada por NORMAL, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, non trata de defender que os límites entre a arte e o deseño se teñan esvaecido, mais si quere reflectir a feliz converxencia entre ambas disciplinas, convencidos de que algunhas das derivas do deseño habitan moi próximas á arte contemporánea. Para o comisario da mostra, David Barro, “non é tempo de enunciar as separacións entre arquitectura, escultura, pintura, artesanía ou deseño, porque xa son obvias, da mesma maneira que aspirar a que o deseño estratéxico poida cobrar maior importancia á hora de definir as direccións dunha empresa non é confundir o deseño coa economía. Do que se trata realmente é de entender a importancia de conxugar estas disciplinas do coñecemento desde un espazo relacional e non desde o sentido dunha transacción, encontrar os valores e os obxectivos comúns, un propósito ou interese compartido. Esta exposición indaga nesa capacidade líquida das disciplinas a partir do mundo das formas, e parécenos clave subliñar isto nun contexto académico ligado ao coñecemento e á curiosidade, como neste caso”.

Desordenar, comunicar, cuestionar e valorar a realidade

A exposición, en que participan un centenar de creadores/as e creativos/as, divídese en catro accións por volta da realidade compartidas por artistas e deseñadores/as, que teñen a capacidade de desordenar, de comunicar, de cuestionar e de valorar esa realidade das máis diversas e orixinais maneiras.

David Barro sinala que “Milton Glaser dicía que o mundo se divide entre os que fan as cousas e os que as controlan. Os artistas e os deseñadores áchanse entre os primeiros. Ambos son xeradores de ideas, e non hai que se preocupar tanto de remarcar as súas diferenzas e si de remarcar o importante do concurso de ambos nunha sociedade que se enfronta a unha incuestionable problemática social no ámbito do humano. Preocupados pola forma, diriamos que uns –os artistas– teñen funcionado habitualmente como escritores e outros –os deseñadores– como tradutores desas formas. Uns propoñen problemáticas e outros semellan ter o deber implícito de as resolver. Mais non sempre é así, porque artistas e deseñadores habitan nun lugar común e, en moitos casos, as fronteiras se amolecen para compartir unha deriva polos procesos e as formas para lles outorgar un sentido”.

Colección Fundación DIDAC. Un compromiso con Galiza e coa igualdade

Ademais dos catro eixes citados –desordenar, comunicar, cuestionar e valorar a realidade coa arte e co deseño– hai preocupacións transversais que subxacen por baixo da narrativa da mostra mais que se asumen como fundamentais, en liña co sentido da Colección da Fundación DIDAC, á cal pertencen as pezas.

Por unha parte, a Colección Fundación DIDAC é pioneira no ámbito peninsular a respecto do seu compromiso coa igualdade de xénero e co traballo das mulleres no campo do deseño e da arte visual, que constitúen practicamente a metade do seu legado, con pioneiras como Marianne Brandt, Aino Aalto, Ray Eames, Marie Neurath ou Charlotte Perriand até creadoras actuais como Paula Scher, Patricia Urquiola, Vivienne Westwood, Sandra Cinto ou as galegas Nuria Carballo, Elena Ferro ou Verónica Moar.

Por outra banda, está o obxectivo de visibilizar e de contextualizar internacionalmente o labor de creadores e creadoras galegas de cara a reforzar a súa proxección exterior e interior contribuíndo para o estudo da memoria histórica da arte, do deseño e da cultura visual da Galiza contemporánea. Así, ás importantes achegas de deseñadores galegos para as súas empresas (Xaime Isla Couto, Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo etc), súmanse traballos de deseñadores internacionais históricos como Ettore Sottsass para Olivetti, Dieter Rams para Braun, Charlotte Perriand para Philips ou Paul Rand para IBM, ao tempo que se incorporan traballos posteriores de deseñadores galegos como o Grupo Revisión Deseño para Pazo de Vilane, Iván Mato para Nokia, Marta Lojo para Paco&Lola ou Nordés etc.

A todo isto súmanse propostas gráficas e editoriais de autores galegos como Luis Seoane, Xosé Díaz ou María Ramos, que se completan con autores nacionais e internacionais como Elaine Lustig Cohen, Eduardo Aires, Otl Aicher ou Rosmarie Tissi. Por outra parte, reúnense tamén unha serie de traballos que poderiamos etiquetar como “contraculturais”, de deseñadores como Ventura Cores ou Víctor Moscoso, que poden situarse en liña coas formas desobedientes de deseñadores/as como David Carson, Irma Boom, Chip Kidd, April Greiman, Paula Scher ou de un precursor Fortunato Depero.

A exposición conta tamén con mobiliario e obxectos de deseñadores como Bruno Munari, Charles&Ray Eames, Jasper Morrison, Gaetano Pesce, Philippe Starck e de arquitectos como Aldo Rossi, Álvaro Siza ou Zaha Hadid, entre outros. No que di respecto á arte contemporánea, exhíbense traballos de artistas internacionais como Sandra Cinto, Albano Afonso, Julião Sarmento ou Rui Chafes; españois como Luis Gordillo ou artistas galegos como Manolo Paz ou Rubén Ramos Balsa, entre outros.

En definitiva, esta exposición nace en liña cun dos obxectivos do Laboratorio de Formas que pretendía dotar Galiza de institucións capaces de abrir novos traxectos interdisciplinarios de investigación para a arte e o deseño, recuperar a memoria e achar unións entre o espírito de época e a tradición e historia de Galicia no ámbito do creativo. Noutras palabras, a raíz local conxúgase con vocación universal mais tamén o presente se destila desde unha mirada ao pasado, co compromiso de transmitir ese coñecemento, proxectándoo e renovándoo.
Universidade da Coruña