Skip to main content

A brecha de xénero na I+D+i, punto de partida do XIII Encontro RUIGEU

No acto inaugural tomou parte o reitor da USC, Antonio López, xunto aos reitores de UDC e UVigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, respectivamente; así como Beatriz Gimeno Reinoso, directora do Instituto de la Mujer y para la Igualdad de Oportunidades; e Natalia Prieto Viso, directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade da Xunta de Galicia por delegación.

Antonio López subliñou na súa intervención que “para ser excelentes, é preciso superar as diferenzas ligadas á desigualdade de xénero”. O reitor da USC puxo o foco no feito de que na universidade non está resolta a brecha de xénero e sinalou que “a igualdade efectiva ten un camiño longo por percorrer”. “A universidade debe ser o xerme que traslade á sociedade a necesidade de romper teitos”, sinalou logo de lembrar que precisamente neste ano 2020, a USC conmemora o bicentenario do nacemento dunha figura senlleira na loita contra a discriminación das mulleres como é o caso da escritora Concepción Arenal, quen tivo que vestirse de home para poder tomar parte nas aulas universitarias.

Programa

Organizado polas oficinas de igualdade das universidades galegas, coa coordinación da oficina de Igualdade de Xénero da USC e financiado polo Instituto de la Mujer, o encontro desenvólvese do 15 ao 17 de setembro e pode seguirse a través da plataforma MS Teams. Ao longo destes tres días, o foro acollerá mesas redondas, seminarios web e obradoiros agrupados en torno a tres eidos temáticos. Este martes 15 é a quenda da igualdade de xénero en I+D+i; o mércores 16 abordaranse as políticas de igualdade nas universidades; mentres que o xoves 17 analizaranse as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero no ámbito universitario, alén de celebrarse a asemblea da RUIGEU.

Os obxectivos desta rede responden á necesidade de traballar de forma conxunta e coordinada para aproveitar os esforzos e recursos das diferentes unidades, oficinas, observatorios, grupos de investigación e persoas que traballan a igualdade de xénero nas universidades españolas, optimizar os recursos xa existentes e compartir experiencias entre as distintas entidades de igualdade do ámbito universitario.
Universidade de Santiago de Compostela