Skip to main content

A AXEGA leva a un cento de centros escolares o seu programa de divulgación para o bo uso do número de emerxencias 112

A través de representacións teatrais, material audiovisual e obradoiros, os Bolechas explicarán á cativada en que contextos deben realizar unha chamada ao 112 e os datos que teñen que facilitar aos xestores de emerxencias para alcanzar a resposta axeitada en cada caso.

Para iso, é fundamental que os nenos e as nenas coñezan desde as primeiras idades como funciona o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia (CIAE112 Galicia), onde se reciben e xestionan todas as chamadas de emerxencias que se producen na Comunidade autónoma galega. Precisamente isto será o que poidan observar no só a través das representacións teatrais, senón tamén coa emisión dun vídeo dun dos personaxes, Braulio, que visitou o CIAE112 Galicia, na Estrada, para obter de primeira man unha ampla visión sobre o funcionamento dos sistema de atención e xestión telefónica de emerxencias en Galicia.

Tras a proxección do vídeo de Braulio, os alumnos e alumnas participarán nun obradoiro co que afondarán a asentarán os coñecementos adquiridos, así como aclararán as posibles dúbidas que tiveran xurdido durante toda a actividade.

Con estas visitas aos colexios, a AXEGA completa un programa de divulgación sobre o uso responsable do 112 que se desenvolve desde o ano 2019 e componse de publicación de libros e cadernos de actividades, unha web educativa (https://osbolechas.gal/112/) e obradoiros nas escolas como os que darán comezo hoxe.
Axencia Galega de Emerxencias