Skip to main content

A VI Maker Faire Galicia, este ano totalmente online, contará cunha xornada destinada en exclusiva á educación

O evento celebrarase do 18 ao 22 de novembro a través dunha plataforma que integrará un Museo Gaiás Virtual. Contará con dúas xornadas profesionais, que se desenvolverán os días 18 e 19 de novembro, e que estarán organizadas por sectores, poñendo en valor aqueles onde Galicia ten un gran potencial como son a alimentación, saúde, aeronáutica, automoción, enerxía e téxtil.

O 20 de novembro será a quenda para a educación, con relatorios arredor da tecnoloxía, a innovación educativa ou a inclusión. Ademais, os mellores proxectos dos centros educativos que se presenten competirán nun formato elevator pitch (é dicir, a través de presentacións breves sobre os diferentes proxectos) para elixir ao máis innovador. Por último nas xornadas abertas, os días 21 e 22 de novembro, haberá contido moi diverso relacionado coa robótica, ciencia, innovación social, do it yourself, arte, economía circular ou gaming.

Prazo aberto para participar

Con este programa, moi variado e coa participación de especialistas en distintas áreas de coñecemento, a Maker Faire Galicia convértese nun referente na innovación 360º, compartindo contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial.

As empresas, centros educativos, asociacións ou makers que desexen participar na feira poderán presentar os seus proxectos ata o 15 de outubro. As inscricións poden realizarse a través da súa páxina web.

Esta Maker Faire Galicia celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).

Maker Faire Galicia