Skip to main content

Mulleres 'con nome propio' para botar unha ollada con perspectiva de xénero á antigüidade

A xornada, que conta con financiamento da Unidade de Igualdade de Universidade de Vigo, muda cada ano de temática aínda que sempre centrada na muller na antigüidade. A elección desta temática, indica Susana Reboreda, xorde por ser un eido no que a coordinadora da iniciativa traballa e que considera “moi importante abordar”, tendo en conta que “estes temas non están incluídos nos temarios das guías docentes das materias e esta é unha forma de contrarrestar esta eiva”.

Oriente Próximo, Exipto, Grecia e Roma

Como en anteriores edicións, a cita, comenta a súa coordinadora, contará coa participación dunha persoa destacada no eido académico de cada unha das catro grandes culturas da antigüidade: Próximo Oriente, Exipto, Grecia e Roma. Cada unha delas, sinala Susana Reboreda, falará “dunha ou varias mulleres significativas nesas grandes culturas”. Aínda que cada conferencia “non deixa de ser unha pincelada”, esta actividade, recalca a profesora da UVigo, é un xeito de abordar o papel da muller na historia, tendo en conta que “sobre todo canto máis lonxe vamos no tempo, parece que os nomes propios son só de homes”. Achegarse ao papel destas mulleres significadas, engade, “é unha proba de que tamén existiron mulleres cuxos nomes quedaron para a posteridade”.

Na xornada Agnès Garcia, doutora en Historia e profesora da Universitat Autònoma de Barcelona, falará de Puabi e Enheduana, “dúas mulleres poderosas na cidade de Ur (aproximadamente 2500-2300 antes da era común). Rosa Cid, catedrática de Historia Antiga da Universidad de Oviedo, intervirá sobre “Cleopatra VII, a poderosa raíña ptolemaica”, e Ana Iriarte, catedrática de Historia Antiga da Universidad del País Vasco, falará sobre o caso de Neera na Grecia clásica. Por último Rosa Sanz, catedrática de Historia Antiga da Universidad Complutense de Madrid, ofrecerá unha conferencia sobre “Augustas romanas, princesas bárbaras: Gala Placidia e Justa Honoria”.

As intervencións das relatoras serán virtuais e poderán seguirse a través da aula remota da Facultade de Historia. O alumnado tamén terá a oportunidade de seguir a sesión na aula multiusos do Edificio de Ferro e o público en xeral a través de UVigo TV. Aínda que especialmente pensadas para o alumnado do Grao de Xeografía e Historia, a cita, explica a súa coordinadora, ábrese ás persoas interesadas.
Universidade de Vigo