Skip to main content

A Xunta de Galicia cos galegos residentes en Ushuaria, a cidade máis austral do planeta

O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal viaxa ata Ushuaia, na Patagonia arxentina, onde se atopa o máis austral dos centros galegos do mundo. Alí terá oportunidade de manter un encontro tanto co Intendente da capital, así como co Gobernador de Tierra de Fuego, máximas autoridades da provincia cos que tratará de encauzar acordos que resolvan a delicada situación económica que está a atravesar o Centro Galicia de Residentes Españois en Ushuaia. Miras quere levar ata Ushuaia unha mensaxe clara: a de priorizar o apoio á dinamización da colectividade da provincia austral de cara a afondar na plena normalización das relacións entre a entidade e o goberno galego, desde o que se pretende que “todos e cada un dos galegos separados de Galicia, consigan sentir e vivir como galegos”, sinala o conselleiro.

Neste senso, o titular de Emigración trasladará á colectividade de Ushuaia a conveniencia de artellar mecanismos de relación e de intercambio cultural e de asistencia social “superando os inconvenientes derivados de estar separados por tan longas distancias”.

CONSERVACIÓN DA CULTURA E TRADICIÓNS GALEGAS

O Centro Galicia de Residentes Españois en Ushuaia conta actualmente con trescentos socios e mantén unha actividade importante vencellada fundamentalmente á cultura, ó deporte e ás tradicións galegas o que pon de manifesto, segundo Miras Portugal, “o esforzo realizado polas colectividades galegas do exterior, alí onde se atopen, por manterse fieis á súa identidade orixinaria”. O Centro Galicia de Residentes Españois en Ushuaia era declarado polo goberno federal arxentino un ben de interese provincial e municipal.

A presencia de galegos, así coma inmigrantes chilenos, alemáns e croatas en Ushuaia vén marcada pola construcción, en 1902, do Presidio Nacional no que os estranxeiros servían de persoal de vixianza do penal. De aí, que hoxe se erixa nas instalacións do Museo do Servicio Penitenciario Federal a estatua de El Gallego Penitenciario, coa que se quere honrar ó papel tan destacado desempeñado polos galegos na historia dos primeros penais na Arxentina.

APOIO Á DINAMIZACIÓN DA COLECTIVIDADE

Miras Portugal aproveitará a visita á comunidade galega en Ushuaia para insistir na vocación social e asistencial que vencella á Consellería de Emigración con todos e cada un dos galegos do exterior, sendo a administración galega especialmente sensible en relación ás posibles carencias da diáspora no campo da sanidade e de atención ós sectores máis vulnerables da poboación, entre os que se atopan os nenos e maiores. O conselleiro quere transmitir á colectividade do Centro Galicia de Residentes Españois en Ushuaia as enormes posibilidades que oferta unha pirámide demográfica nova como a que dispón Tierra del Fuego, de cara a activar o entramado socioeconómico da provincia, para o que lles brindará ás autoridades da provincia a posibilidade de tender pontes co goberno galego.

No que respecta á situación actual do Centro Galicia de Residentes Españois en Ushuaia, o conselleiro animará ós socios a contar coa mocidade para asignarlle novos espazos e novas responsabilidades no seno da entidade, asegurando a renovación e a modernización do centro.

Ushuaia, capital da provincia máis nova da Argentina- Tierra del Fuego, e que adquiriu ese status en 1991- é considerada como a cidade máis austral do planeta. Fundada en 1884 no extremo do Cono Sur americano sería a partir da década de 1980 cando experimentou un vigoroso proceso de crecemiento económico e demográfico.

Na actualidade a poboación da provincia de Tierra del Fuego, asentada nos 21.000 km_ que conforman a rexión arxentina da Isla Grande, caracterízase por conformar o que so demógrafos acuñan coma unha pirámide de base ancha, que vén determinada pola existencia de moitos nenos e persoas en idade activa, o que explica o crecemento da demanda de servizos no eido da educación e da saúde.

UN CRUCEIRO NA FISTERRA AUSTRAL

Galicia brila neste fin da terra é a lenda que reza no cruceiro que se alza na cidade de Ushuaia en plena Praza de Galicia. A obra – de máis de cinco metros de altura e realizada en granito- supera as dúas toneladas de peso e foi tallada por artistas da Escola de Canteiros de Poio.

O cruceiro, estreado en Nadal de 1996 en presenza do titular do goberno galego, Manuel Fraga, é un dos case 40 que a Xunta de Galicia foi levantando nos dez últimos anos alí onde residía un galego, como símbolo de identidade.

EMBAIXADAS GALEGAS NOS CINCO CONTINENTES

Na cidade máis austral do planeta a 3500 quilómetros da capital federal da Arxentina os galegos tamén están presentes. Hoxe en día a presencia de Galicia na emigración continua a ter unha magnitude de primeira orde. Segundo datos do INE- Instituto Nacional de Estatística- a 1 de febreiro deste mesmo ano 302.860 era a cifra de galegos inscritos no CERA, dos que 219.896 resultan estar censados na Arxentina.

Na actualidade atopamos galegos espallados polos cinco continentes agrupados en ó redor de 300 entidades pioneiras na creación de todo tipo de servicios- sociais, asistenciais, culturais- a disposición das comunidades galegas do exterior ó tempo que prestaban axuda ós que quedaron. Estes centros e casas de Galicia, as chamadas embaixadas naturais son plataformas permanentes da presencia de Galicia en máis de corenta países de todo o mundo.

Un dos sesgos distintivos que socioloxicamente nos define desde hai máis dun século é o movemento migratorio exterior; como poucos pobos no mundo esta terra transcende as súas fronteiras. Galicia non se circunscribe unicamente ós confins da súa xeografía natural, senón que abrangue unha realidade territorial na que se integra a Galicia do exterior, dous espazos que aparecen cada vez máis integrados.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia