Skip to main content

Educación investirá máis de 470.000 euros para reformas dos centros da provincia de Lugo

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, realizou unha visita aos concellos de Carballedo, Taboada e Antas de Ulla, nos que estudou cos membros das súas respectivas comunidades educativas as posibles necesidades que presentan os seus centros.

En total a Administración investirá 470.419 euros en diversas obras de reparación e mellora nos centros educativos destes concellos. No CEIP “Xosé Luís Taboada” de A Barrela, en Carballedo, está prevista unha inversión de 280.000 euros. Estas obras contemplan o peche da pista polideportiva e a renovación do ximnasio e dos aseos do centro.

Estas melloras beneficiarán a 94 alumnos de Educación Infantil e Primaria que están escolarizados no centro, dos que 77 pertencen a zonas rurais próximas.

O percorrido do titular de Educación proseguiu no concello de Taboada, onde Celso Currás visitou as infraestruturas educativas do CPI “Santo Tomé de Carballo”, no que se prevé facer unha serie de reformas por unha contía de 75.000 euros, que se destinarán a renovar a cuberta da pista deportiva, o pintado dalgunha zona e a pavimentación do patio escolar.

O CPI “Santo Tomé de Carballo” conta actualmente con 243 alumnos matriculados de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria e Programas de Garantía Social.

Por último, Celso Currás visitou o CEIP de Antas de Ulla, onde está pendente de realizarse a construción dunha nova cuberta e o pavimento das pistas polideportivas, para o que a Consellería de Educación aportará unha inversión de 115.419 euros. Este centro conta actualmente con 104 escolarizados nos niveis de Educación Infantil de Primaria.

OUTRAS INVERSIÓNS

En xeral, o concello de Antas de Ulla percibiu nos da Administración educativa un investimento de 162.174 euros dos que 90.504 se destinaron para obras nos últimos oito anos; 53.337 para equipamentos realizados entre 1990 e o 2004; 9.810 para axudas á promoción da lingua dos sete últimos exercicios e 8.521 euros para a formación de persoas adultas no período comprendido entre 1995 e o ano 2004.

No caso do concello de Taboada a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria investiu 522.590 euros. Deles, 351.688 foron para obras realizadas entre 1997 e o ano 2002 en diversos centros educativos; 151.055 euros para equipamento destes colexios nos últimos catorce anos; 1.546 euros destináronse a promover o uso do galego no período comprendido entre 1997 e o 2004, e 18.300 euros aportáronse para a formación de persoas adultas nos últimos nove anos.

Para rematar, no concello de Carballedo a Administración educativa outorgou 153.016 euros, que se distribuíron do seguinte xeito: 91.775 euros foron para obras dos centros escolares da localidade realizadas entre 1997 e o 2004, e 61.240€ para gastos de equipamento efectuados nos últimos catorce anos.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia