Skip to main content

Constituído o Foro de Reactivación do Deporte Galego

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de constituír o Foro de Reactivación do Deporte Galego como espazo de deliberación, análise e proposta de actuacións para o sector deportivo de Galicia no contexto posterior á crise sanitaria do COVID-19. O obxectivo do foro, como indicou o secretario xeral na introdución, “será a análise das medidas de actuación que, desde os distintos ámbitos materiais afectados, poidan formularse para establecer un marco de recuperación sostible do sector deportivo galego”. Do mesmo xeito, Lete Lasa agradeceu o traballo de todos os membros do tecido deportivo galego, “un traballo grazas ao que o deporte galego pode continuar xerando múltiples eventos cada fin de semana” e solicitou “responsabilidade e prudencia para avanzar todos xuntos no camiño correcto” nesta nova etapa.

Deste xeito, nesta primeira xuntanza virtual na que os convocados expuxeron as súas consideracións cara unha pronta e segura reactivación do deporte galego, participaron representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias, da Unión de Federacións Deportivas de Galicia, dos grupos de traballo constituídos aos efectos da adaptación do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO, das Agrupacións Deportivas Escolares de Galicia, das tres Universidades Galegas, da Asociación Galega de Xestores Deportivos, do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, da Asociación de empresas xestoras de instalacións deportivas de Galicia, así como deportistas galegos de alto nivel como Javier Gómez Noya ou Teresa Portela e persoas de recoñecido prestixio nas diferentes disciplinas vinculadas aos ámbitos académico, profesional e sectorial do deporte de Galicia.

Deste xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte continúa promovendo a permanente coordinación cos axentes e o tecido deportivo autonómico, especialmente das federacións deportivas, clubs e deportistas. Froito deste traballo resultan os protocolos específicos de cada federación deportiva, así como o protocolo básico de actuación do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ou as Guías DXT Galego ‘Volvendo con sentidiño’.

A creación deste foro será o xerme de propostas que coadxuven á máis axeitada reactivación do sector deportivo no seu sentido mais amplo (práctica de actividade física, deporte competitivo e sector produtivo e de prestación de servizos).
Foro de Reactivación do Deporte Galego