Skip to main content

As empresas galegas danlle a benvida ao futuro dixital nas Xornadas Tecnolóxicas R

“Data Driven Company, benvido ao futuro dixital” é o lema baixo o cal se abordarán este ano temáticas variadas, como a Intelixencia Artificial Aplicada, as comunicacións do futuro, a empresa dixital, a nova normalidade e as necesidades que xorden dela, a cloud híbrida ou os servizos IT. Nesta xornada exclusiva, as empresas asistentes poderán coñecer como a tecnoloxía e os datos serán a panca clave para o seu crecemento e competitividade.

As Xornadas diríxense a empresas interesadas en iniciar, ou que iniciaran xa, un proceso de dixitalización, e coas que R compartirá experiencias e casos reais de compañías que afrontaron con éxito os novos retos de negocio motivados pola disrupción tecnolóxica.

Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicación, doutora polo Media Lab do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), investigadora, divulgadora científico-tecnolóxica e recoñecida experta en Intelixencia Artificial e Big Data, impartirá unha conferencia para abrir a xornada, na que reflexionará sobre as claves estratéxicas do novo escenario dixital que se abre no mundo hiperconectado, volátil e cambiante no que vivimos e no que temos máis solucións tecnolóxicas que nunca. Explicará como desenvolver unha correcta estratexia de xestión do dato e que tecnoloxías están a empregar as empresas para obter novos modelos de negocio, para converterse en empresas dixitais, máis áxiles e con maior grao de automatización. Abordará o estado da Intelixencia Artificial, unha realidade que hai que aproveitar e pola que hai que apostar de xeito claro.

E, nesta aposta, R está claramente aliñada. Proba diso foi a creación este ano dunha unidade específica, BAI Analytics, co fin de aproveitar todas as capacidades que achega o Machine Learning, tanto internamente como para axudar ás empresas clientes a incorporar de xeito áxil e fácil todos os beneficios que achega esta tecnoloxía.

Os datos e o seu aproveitamento

A cita tecnolóxica terá como punto de partida o contexto tecnolóxico actual, no que os datos se converteron xa no activo máis importante das empresas e son a clave na estratexia de dixitalización para adaptarse á nova realidade dixital. A adopción adecuada das denominadas tecnoloxías habilitadoras como Big Data, Internet of Things e, por suposto, a Intelixencia Artificial, van ser necesarias no tratamento e aproveitamento dos datos e, polo tanto, no éxito e supervivencia das empresas. Estas tecnoloxías son xa unha realidade. Neste sentido, as empresas atopáronse co desafío de dispor das plataformas, a tecnoloxía, o coñecemento e a experiencia de persoal experto altamente cualificado que lles permitan xestionar esa inxesta exponencial de datos e a capacidade de cómputo necesaria.

Nas Xornadas presentaranse, por unha banda, experiencias reais da man de empresas como eBroker, o Grupo Cuevas ou o Grupo Euskaltel, a través de Bai Analytics, onde o seu responsable, Ignacio Vilaplana, explicará como o dato pode ser unha panca de crecemento para as empresas e cales son os beneficios da Intelixencia Artificial. E, doutra banda, mostraranse as claves do éxito da xestión dos datos e como aplicar a IA na empresa da man dos nosos expertos DataRobot e Datu(a).

Acompañamento e proximidade

Neste sentido, R xa está a ter un papel relevante e referente, pois está a apostar non só polos últimos servizos de telecomunicacións, senón que vai máis aló, aproveitando as capacidades para acompañar as empresas clientes mediante servizos de IoT, Big Data ou Intelixencia Artificial, en alianza coas empresas especializadas de cada sector.

Para Isidro Fernández de la Calle, director corporativo de Empresas de R e do Grupo Euskaltel, as Xornadas Tecnolóxicas R son un punto de encontro coas empresas “co que tomamos o pulso do estado da tecnoloxía nas compañías, co obxectivo de poder atender de forma máis certeira e próxima os seus requirimentos e necesidades neste ámbito. A empresa adaptada á nova realidade require dun acompañamento experto que lle axude a afrontar os retos con solucións reais. R traballa moi de preto coas empresas, a carón delas, apostando polas últimas tecnoloxías, aproveitando as capacidades dos seus centros de datos para ofrecer plataformas IoT e Big Data en modo servizo e, en relación á Intelixencia Artificial, creando BAI Analytics”.

Plataforma virtual a un clic de distancia

A imposibilidade de celebrar de forma presencial esta edición das Xornadas Tecnolóxicas R obrigou a buscar novos escenarios online. Por iso, este ano os asistentes vivirán unha Tech Experience virtual especificamente creada para este evento.

Utilizando a tecnoloxía como aliada, R conseguiu que as e os asistentes ás Xornadas Tecnolóxicas poidan percibilas como se estivesen de verdade nelas, reproducindo a realidade dun edificio con auditorio, salas de conferencias, salas para networking e amplos espazos expositores, só con premer en cada sección.

Trátase dun edificio virtual onde se poderán seguir os relatorios, acudir aos espazos de demostracións tecnolóxicas ou escoitar e participar activamente nos relatorios e charlas temáticas. Tamén haberá un espazo onde visitar os postos das principais empresas do sector que colaboran no evento: Cinfo, Cisco, Citrix, DataRobot, Flame Analytics, Fortinet, HSI, Merkatu, Microsoft, Panda, Plexus, S21, Shooowit ou VMWare, entre outros.
R