Skip to main content

A Xunta destinará 179 millóns de euros en concepto de axudas ás industrias dedicadas á explotación dos produtos pesqueiros no periodo 2003-2006

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, sinalou a necesidade de seguir a innovar na transformación dos produtos do mar, fundamentalmente no campo da acuicultura e no das industrias dedicadas á explotación destes produtos, algo no que o Goberno galego está a traballar activamente. “Mostra disto –subliñou- son os 119 millóns de euros que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achegou no período comprendido entre os anos 1999 e 2003 das cantidades destinadas a incentivos á inversión na industria de transformación de produtos pesqueiros, cifra que ascende a 179 millóns de euros no período 2003-2006”.

O máximo mandatario autonómico fixo estas afirmacións esta tarde, durante a inauguración da empresa Frigoamegrove S.L., dedicada ao cultivo e á venda do mexillón, que a Xunta subvenciona con máis de 1.815.000 euros. No acto tamén participaron o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, e o presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, entre outros.

Na súa intervención, Manuel Fraga tamén remarcou que as axudas postas en marcha polo Goberno que preside contribuíron a que, no cuadrienio 1999-2003, a industria conserveira incrementara a súa capacidade produtiva nun 90% e nun 130%, no caso do sector conxelador, coa creación de 2.426 empregos netos entre 1999 e 2002. “Ambos sectores –engadiu o presidente da Xunta- rexistraron no ano 2003 un volume de vendas superior aos 2.600 millóns de euros e xeran preto de 11.000 postos de traballo directos”.

Precisamente estes datos, engadidos aos de facturación, evidencian, segundo Fraga, “o acerto da priorización das liñas de axudas establecidas no Plan de Dinamización Económica de Galicia”, que sinalan estas actividades como preferentes.

GALICIA, CENTRO EUROPEO DE MANIPULACIÓN DE PEIXE E MARISCO

O titular do Goberno autonómico lembrou que o sector da conserva e dos conxelados de produtos pesqueiros ocupa o terceiro posto entre as actividades económicas máis representativas da economía galega, detrás da automoción e do sector téxtil. Por iso, e dado o auxe que ten experimentado o sector pesqueiro e conserveiro galego nos últimos tempos, augurou que a Comunidade “está chamada a converterse, en pouco tempo, no centro europeo por excelencia de manipulación de peixe e marisco”.

FRIGOAMEGROVE

Por último, Manuel Fraga sinalou que Amegrove, creada en 1977 como Asociación de Produtores de Mexillón, está dando como resultado a apertura de novas vías de comercialización. Precisamente, a posta en marcha de Frigoamegrove supón, á xuízo do mandatario galego, “un paso adiante” na actividade desta cooperativa xa que, ao cultivo e á venda do mexillón fresco, súmase agora a elaboración do mexillón cocido, conxelado e pasteurizado. De igual xeito, o máximo mandatario galego amosouse confiado en que a empresa inaugurada hoxe siga os mesmos pasos que Amegrove e aposte polo mexillón galego, converténdose en “referente de calidade e bo facer”.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DA EMPRESA FRIGOAMEGROVE S.L.

- “A necesidade de innovar nas industrias da transformación dos produtos do mar está levándonos, a través da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a un gran esforzo no desenvolvemento da acuicultura e, por ende, das industrias dedicadas á explotación dos produtos da acuicultura”.

- “Mostra disto son os 119 millóns de euros que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achegou no período comprendido entre os anos 1999 e 2003 das cantidades destinadas a incentivos á inversión na industria de transformación de produtos pesqueiros; cifra que ascende a 179 millóns de euros no período 2003-2006”.

- “Estas axudas contribuíron a que no cuadrienio 1999-2003 a industria conserveira teña visto incrementada a súa capacidade produtiva nun 90% e nun 130% no caso do sector conxelador, coa creación de 2.426 empregos netos entre 1999 e 2002. Ambos sectores rexistraron no ano 2003 un volume de ventas superior aos 2.600 millóns de euros e xeran preto de 11.000 postos de traballo directos”.

- “Estes datos, engadidos aos de facturación, evidencian o acerto da priorización das liñas de axudas establecidas no Plan de Dinamización Económica de Galicia, que sinalan estas actividades entre as preferentes”.

- “Frigoamegrove supón un paso adiante na actividade desta cooperativa galega xa que, ao cultivo e á venda do mexillón fresco, súmase agora a elaboración do mexillón cocido, conxelado e pasteurizado formando parte deste importante crecemento que están a experimentar os sectores conserveiro e conxelador galegos. Tanto é así que a nosa Comunidade está chamada a converterse, en pouco tempo, no centro europeo por excelencia de manipulación de peixe e marisco”.

- “Do mesmo xeito, a Xunta quere manifestar hoxe o seu apoio a esta nova empresa, á que ten previsto destinar unha subvención total de máis de 1.815.000 euros”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia