Skip to main content

Galicia é a terceira comunidade con menor incremento porcentual de parados derivado da implantación do SISPE

Galicia é a terceira Comunidade con menor incremento porcentual de parados derivado da implatación do SISPE (Sistema de Información dos Servizos Públicos de Emprego), segundo un informe elaborado polo Servizo Galego de Colocación. Así, o aumento rexistrado en Galicia é do 20,61% (o menor despois de Canarias e Asturias), mentres que o incremento medio nacional sitúase no 27,8%.

A posta en marcha do proxecto SISPE supón unha actualización da información dos rexistros dos demandantes de emprego que ten efecto estatístico sobre o paro rexistrado. Este efecto baséase nas decisións adoptadas dentro do proxecto (contabilización da poboación inmigrante etc.), nos procesos de adecuación e igualación de datos e nos posibles incrementos derivados do cruce de dous bases de datos que derivan nunha única base final.

Os incrementos poden producirse polo mencionado no parágrafo anterior, pero non por unha modificación no sistema de cálulo do paro, regulado pola Orde Ministerial de 11 de marzo de 1985, vixente hoxe en día.

Un estudo realizado pola Universidade de Alcalá indicaba un incremento do paro nacional rexistrado de 479.050 parados, tomando como base os datos correspondentes ao mes de xaneiro de 2005. No caso concreto de Galicia o paro dese mes pasaría das 157.847 persoas ás 190.375. É dicir, incrementaríase en 32.528 persoas, un 20,61.

Entre os motivos máis significativos que derivan no incremento do paro rexistrado, atópanse os seguintes:

– Cruce con outros rexistros.- Ata de agora, se no proceso dun cruce se atopaba un demandante de emprego en alta na Seguridade Social, o sistema automaticamente asignáballe a clave de ocupado e, polo tanto, non computaba como parado rexistrado. Sen embargo, se posteriormente quedaba sen traballo, non se actualizaba a clave e, polo tanto, seguía sen computar ata que o demandante o manifestaba persoalmente na oficina de emprego e era o xestor quen modificaba a clave manualmente. A partir de agora o proceso de actualización da información de SISPE permite adecuar os rexistros á realidade.

– Perceptores de prestacións.- Os perceptores de prestacións con alta na Seguridade Social considerábanse como traballadores e, polo tanto, excluíanse do cálculo do paro rexistrado sen ter en conta se a prestación a compatibilizaban cun traballo a tempo parcial.

– Estranxeiros.- Aínda que non están excluidos na Orde de 1985 de xeito expreso, veñen excluíndose do cálculo do paro rexistrado. A partir de agora entrarán no cómputo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia