Skip to main content

CyberSec@GAL pecha a súa segunda edición, dedicada á ciberseguridade en tempos de teletraballo

Na apertura do acto, Isidro Fernández de la Calle puxo o acento na “importancia que en poucos meses acadou o teletraballo como modalidade laboral da man das novas tecnoloxías. O das telecomunicacións -engadiu o directivo de R- é un eido fundamental na nosa sociedade dende hai anos e na conxuntura actual da pandemia vén de revelarse coma sector esencial con máis rapidez e intensidade que nunca. Falamos dun alicerce imprescindible para superar o foxo que está a supoñer para todos e todas nós a crise sanitaria provocada pola COVID-19, que ten trastocado de súpteto as nosas vidas”. Mar Pereira salientou que “a ciberseguridade é un elemento clave no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que estamos a elaborar a Estratexia Dixital de Galicia da década 20-30. Estratexia que ante a crise do coronavirus, adquire unha importancia renovada, pois as tecnoloxías dixitais convértense nun facilitador positivo para responder ás novas regras de xogo. Neste escenario vimos de poñer en marcha o Nodo de ciberseguridade de Galicia, instrumento de cooperación ao que se suman a FEGAMP, as catro deputacións e dous ministerios, e aberto á adhesión doutros axentes públicos e privados para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns e empresas, dándolles resposta a retos complexos e promovendo a xeración de talento neste eido que aglutina as capacidades existentes”.

Fernando Suárez, pola súa banda, subliñou que, malia a progresiva dixitalización da nosa contorna “non existe conciencia dabondo sobre a importancia de protexer os datos que manexamos para levar a cabo estratexias de ciberseguridade que nos axuden a ter unha vida online máis protexida” (…) Suárez apuntou tamén a importancia das iniciativas públicas que se están a desenvolver neste eido e que poñen de manifesto que España está en camiño de consolidar a súa posición “como un dos polos europeos empresariais que ten entre os seus obxectivos crear proximamente 20.000 novos especialistas en ciberseguridade, Intelixencia Artificial e datos”.

Roberto Baratta, representante do ISMS Forum en Galicia dixo que “máis que nunca, no medio dunha situación de crise e pandemia, con altos niveis de incerteza, onde predomina a aceleración dixital e o teletraballo masivo, e onde as relacións son cada vez máis e máis dixitais, a ciberseguridade volve aparecer na parte máis alta dos riscos do ámbito persoal, profesional, laboral, administrativo, empresarial, etc. Este encontro propón dedicarlle un momento á reflexión e ao debate sobre o que, o como, o cando e o onde esta función achega valor nunha situación tan complexa”.

teletraballo, novo desafío para a ciberseguridade

Baixo o lema “Riscos do teletraballo” e orientada especialmente ao ecosistema empresarial, a xornada de hoxe correu da man de expertos nacionais e internacionais que comentaron aspectos diversos no terreo da ciberseguridade nestes tempos de teletraballo. Diferentes perspectivas ofrecidas a un auditorio dunhas 350 persoas de entidades e empresas que seguiron o foro en formato integramente online en resposta aos requirimentos da crise do coronavirus.

Olaf M.Maennel, Profesor de ciberseguridade neste departamento da Universidade Tallinn de Tecnoloxía de Estonia, pensa que “moitas persoas lembrarán 2020 como o ano no que coñeceron máis a educación online, o teletraballo e os riscos da ciberseguridade. Pero en realidade, de todos os temas que apareceron nas noticias recentemente, só o virus é novo; o resto deles xa se debateron anteriormente. Hai anos xa que se prognosticou a substitución da educación superior polos MOOC (cursos online masivos e abertos), as oficinas no fogar son obxecto de deducións fiscais en moitos países dende hai moitos anos, os ataques cibernéticos van en aumento dende hai un tempo. Aínda así, esta "nova normalidade" está a debaterse na nosa sociedade como algo que nos cambiou irreversiblemente a todos e todas. O que realmente cómpre arestora é reflexionar sobre cales son as nosas oportunidades e retos nesta contorna”.

Susana Rey, salientou que “dende o capítulo galego de ISMS Forum estamos convencidos de que podemos achegarlle moito en ciberseguridade e na área da privacidade ao ecosistema económico galego. Por iso agradecémoslle moito a CyberSec@gal a súa aproximación a sectores coma o académico, pemes ou adminisracións públicas. Para que poidan coñecer tamén os recursos que a nosa asociación pon ao seu dispor e convidalos a colaborar connosco nas diferentes áreas de actuación que temos habilitadas”.

Carlos Escudero, Director da Área de Informática da UDC salientou, na mesa debate sobre os “Riscos do teletraballo”, o cambio radical que a crise sanitaria conlevou, en tan só uns días, no xeito de funcionar da Universidade, onde todos os axentes implicados (alumnos, docentes, administrativos, investigadores…) tiveron “que realizar unha transformación no seu xeito de traballar, abandonando a presencialidade en favor do acceso remoto a recursos de maneira descoñecida para a meirande parte da xente (…)” Escudero incidiu en que os riscos informáticos, ante o incremento da actividade telemática, constitúen unha ameaza engadida a esta situación crítica.

Na mesma mesa participaron José Andres Freire Dapena, xefe do Departamento de Implantación e Xestión do Cambio da AMTEGA, Marco Lozano, responsable Empresa de INCIBE, Antonio Fernandes, Cyber Security Manager de FINSA e Pedro Santamaría, responsable de Sistemas de ROEIRASA.

Pechou esta segunda edición de CyberSec@GAL a profesora viguesa Carmela Troncoso, enxeñeira de telecomunicacións e investigadora especialista en privacidade, mestra na Escola Politécnica Federal de Lausana, en Suíza, e internacionalmente recoñecida por dirixir o equipo europeo que traballa no protocolo da aplicación de rastrexo de contaxios da COVID-19 coa meta primeira de non comprometer a privacidade da cidadanía. A profesora Troncoso dixo que “a axuda da tecnoloxia é algo estupendo, pero é importante que cando a utilicemos non se cre un novo problema. Por iso cómpre buscar sempre novas maneiras de deseñar solucións tecnolóxicas. É fundamental »

CyberSec@GAL, da man do I Foro da Ciberseguridade de Galicia do ISMS Forum

CyberSec@GAL comezou a súa andaina desta segunda edición o pasado luns, impulsado de novo pola cátedra R en Ciberseguridade, o CPEIG e o COETG e coa colaboración da AMTEGA e o centro tecnolóxico Gradiant. E desta volta, o evento desenvolveuse irmandado co I Foro de Ciberseguridad de Galicia, que complementariamente tivo lugar tamén hoxe organizado polo capítulo galego do ISMS Forum e dirixido a un público máis técnico e especializado.

CyberSec e ISMS Forum camiñarán da man en Galicia dende este momento, complementándose e reforzándose, para fornecer a comunidade do coñecemento e dos recursos necesarios que permitan avanzar no eido da ciberseguridade. Trátase de superar riscos no mundo dixital e de habilitar medidas de axuda, se é preciso, para persoas e empresas no futuro e tamén nun momento tan complexo coma o que estamos a vivir.
Esta mesma semana desenvolvéronse outras tres xornadas nas que se realizaron obradoiros dirixidos a estudantes universitarios e de Formación Profesional para, entre outras cousas, captar talento en ciberseguridade. O primeiro taller versou sobre as vulnerabilidades en servidores Windows e na segunda xornada falouse das ameazas en redes e aplicacións. Así mesmo, onte mércores, o Inspector Profesor da Escola Nacional de Policía, Casimiro Nevado, impartiu un relatorio sobre un proxecto da Policía Nacional, con colaboración público-privada, para a difusión da cultura da ciberseguridade. E da man de Gradiant e de Defcon Gal lanzouse o ciber-reto, composto por varios desafíos relacionados coa criptografía, a análise forense, o networking ou o reversing (técnica para loitar contra as aplicacións maliciosas).

Por último hoxe, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, entregou os premios CyberSec@GAL aos mellores traballos académicos a nivel Grao, Máster e Doutoramento na área da ciberseguridade e no ámbito universitario.
O peche desta segunda edición do foro CyberSec@GAL correu a cargo do Profesor Manuel Ramos Cabrer, Vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo.
R