Skip to main content

Un ciclo de conferencias virtuais para ampliar as perspectivas dos futuros profesionais das redes sociais

“Decidimos unir a produción de contidos coa formación e, á vez, tratar de darlle visibilidade ao mestrado”, salienta o profesor Xabier Martínez Rolán, coordinador dunha titulación que, desde a súa implantación no curso 2018/2019, cubriu en cada edición as súas 25 prazas. Máis aló de que, nas súas seis sesións, vaian abordarse “temáticas que poden ser interesantes para calquera persoa do ámbito da comunicación”, este ciclo busca, como sinala, “ampliar as ópticas e perspectivas” das e os estudantes co “saber facer” de diferentes profesionais en temáticas vinculadas á súa vez con algunhas das materias da titulación.

Crises, eleccións e captura de datos

Os Social Media Webinars arrancan o vindeiro martes 17 coa conferencia Guerras híbridas, cuando la crisis hace parte de un plan, a cargo do consultor, investigador e estratego en comunicación organizacional Jorge Aguilera, que, nun coloquio moderado pola profesora Ana Belén Fernández Souto, porá o foco na xestión comunicativa de crises a través do estudo de casos prácticos a nivel nacional e internacional. O 15 de decembro, o papel das redes sociais na publicidade de carácter político será analizada nun relatorio moderado polo profesor Alberto Dafonte e impartido por Raúl Magallón, profesor da Universidad Carlos III de Madrid e autor do libro Desinformación y pandemia. La nueva realidade.

Xa no 2021, o ciclo porá o foco nas ferramentas de captura e análise de datos procedentes de redes sociais como Twitter, nun seminario impartido polo desenvolvedor Berto Yañez e moderado por Martínez Rolán. As “novas estratexias de promoción dixital de contidos audiovisuais”, por outra banda, serán analizadas, poñendo o foco no caso concreto da plataforma Netflix, na conferencia Streaming Wars, que o 3 de marzo impartirá a docente, investigadora e escritora especializada en novos modelos de distribución audiovisual Elena Neira, co profesor Oswaldo García como moderador.

Entrevistas de traballo

Nese obxectivo de complementar a formación do alumnado, no programa do ciclo figuran tamén dúas xornadas dirixidas a abordar con profesionais do sector “a optimización de perfís e como presentarse a unha entrevista de traballo” no sector das TIC. Moderados polo coordinador de prácticas do máster, Juan Manuel Corbacho, o primeiro destes coloquios terá lugar o 10 de febreiro, coa participación de José Luis Reza, presidente da Asociación Galega do Márketing Markea, completándose esta iniciativa coa conferencia que 6 de abril impartirá Alberto Garnil, CEO de Iconweb.
2020-11-11