Skip to main content

e-PROT, o novo proxecto que senta as bases da industria electrónica verde

O grupo de química biolóxica, especializado no desenvolvemento de ferramentas químicas para investigación biolóxica, unirase a un consorcio internacional con outros cinco equipos de España, Israel e Portugal e dúas compañías de Francia e Reino Unido para xerar novos biomateriales de grande utilidade “na coñecida como industria electrónica limpa ou verde, cada vez máis demandada e utilizada; con novos dispositivos biodegradables e tintas condutoras para impresión dixital e rotulación”, explica Vázquez Sentís.

A Comisión Europea financiou a proposta colaborativa deste consorcio cun total de 1,2 millóns de euros para catro anos a través do programa FET-OPEN ( Future and Emerging Technologies), que ten por obxectivo fortalecer grandes proxectos de investigación de alto risco, realizados en colaboración e ligados á creación de novas tecnoloxías rupturistas.

Biolectricidade, versatilidade e transferibilidade

O proxecto e-Prot (acrónimo de efficient conductive protein systems) supón un significativo avance no ámbito da electrónica medioambientalmente sostible á que apunta a fabricación dos dispositivos do futuro. Neste contexto, o binomio bioloxía e electrónica adquire unha importancia crave e nel está a orixe do proxecto e-Prot.

Hai uns anos, os investigadores descubriron no chan e nos sedimentos algunhas baterías que poderían conducir a electricidade utilizando pequenos cables formados por proteínas nunca vistas ata entón. Estes nanocables de proteínas teñen un enorme potencial aplicado á industria electrónica, xa que permitirían baterías potentes e biodegradables ou mesmo construír dispositivos biocompatibles para implantes médicos. “O impacto destes novos cables proteínicos vai mesmo moito máis alá das potenciais aplicacións tecnolóxicas e representa un novo tipo de precursores biolóxicos sostibles para a creación dunha nova industria electrónica verde e de novos dispositivos biodegradables”, explica Eugenio Vázquez, que asegura que este proxecto colaborativo “tenta dar resposta a enfoques novos no campo da bioelectrónica”.

O uso xeneralizado de aparellos electrónicos de consumo e as prácticas de obsolescencia incorporadas teñen efectos ecolóxicos devastadores, que dan lugar a unha maior actividade mineira e á produción de grandes cantidades de refugallos de aparellos eléctricos e electrónicos altamente contaminantes, o que se converteu nun importante problema ambiental. A fabricación de compoñentes electrónicos a partir de precursores biolóxicos sostibles representa un avance fundamental para unha industria electrónica ecolóxica e, neste contexto, a produción microbiana sostible de nanocables condutores desenvolvidos en e-Prot, que poden cultivarse a partir de materias primas renovables para a súa produción en masa a baixo custo, contribuirá significativamente a este futuro electrónico ecolóxico.

A electrónica biodegradable tamén dará lugar á creación de novas clases de dispositivos intelixentes implantables e temporais para o diagnóstico/seguimento; a capacidade de fabricar electrónica biocompatible/ degradable utilizando tintas condutoras e procesos de impresión de baixo custo axudará aínda máis á creación de mercados.
Universidade de Santiago de Compostela