Skip to main content

A pandemia, eixo central das VI Xornadas de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

Ademais, dará a coñecer entre alumnado e docentes, o traballo das entidades sociais galegas. Por primeira vez, a celebración da xornada desenvolverase en formato virtual, podendo formalizarse a inscrición a través desta ligazón.

A primeira das sesións indagará sobre as consecuencias da situación de emerxencia sanitaria nos sistemas educativos, no relativo a cambios, aprendizaxes e fendas. As seguintes sesións achegaranse a retos específicos que, aínda sendo previos á pandemia, móstranse perentorios no ámbito da educación. Este é o caso das capacidades afectivo-emocionais, a equidade, o respecto pola sustentabilidade e a xustiza social.

Estas sesións son froito da colaboración entre o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC (TeXe), a Campaña Mundial pola Educación e Solidariedade Internacional de Galicia. “A Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible no seu ODS 4 relacionado coa educación, expón na súa Meta 7 a necesidade de construír unha cidadanía global comprometida co desenvolvemento sustentable, a defensa dos dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción da cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a diversidade cultural”, apuntan dende a organización. “Nesta construción, a formación inicial das educadoras e dos educadores do mañá é fundamental na procura dunha sociedade máis participativa, equitativa e solidaria”, conclúen.
Universidade de Santiago de Compostela