Skip to main content

Manuel Fraga espera que todo o mundo tome boa nota dos que estamos defendendo Galicia e dos que están vendéndoa

O presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, declarou que “espera” que “todo o mundo tome boa nota dos que estamos defendendo Galicia e dos que a están vendendo”. O titular do Goberno autonómico fixo estas declaracións en resposta aos xornalistas, en relación coa paralización das obras da Alta Velocidade en varios treitos do trazado Santiago-Ourense.

O titular da Xunta indicou que xa dixera “todo o que tiña que dicir” sobre este tema aínda que salientou que “faremos todo o que os galegos debemos facer para saír adiante”.

Sobre a posibilidade dunha xuntanza coa ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, Manuel Fraga manifestou que el “só” se entrevista “con persoas serias e amables”. Neste punto, manifestou que “espera” “que todo o mundo tome boa nota dos que estamos defendendo Galicia e dos que están vendéndoa”.

O máximo mandatario galego fixo estas declaracións en San Caetano, logo dun encontro con representantes de canles de televisión de once países de América que estes días participan en Galicia no Primeiro Encontro Audiovisual Galaico-Latinoamericano.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia