Skip to main content

A Maker Faire Galicia pecha a sexta edición cun gran salto internacional

No transcurso do evento realizáronse numerosas competicións, tanto nas xornadas da industria, como na educativa ou nas abertas, nas que destacaron tanto o nivel dos proxectos presentados como a posta en escena.

Na competición de proxectos das xornadas de industria conseguiu o primeiro premio José Gago, estudante de medicina na USC, que participaba co proxecto Bactidec, un dispositivo para detectar bacterias en tempo real en quirófanos, co que tamén gañou o último programa Explorer do Banco Santander. O segundo premio foi para Iria Ollero e o seu proxecto Wave & Pain e en terceiro lugar foi para Alberto Alvarellos, que presentou un dispositivo para medir a concentración de radón.

Durante a xornada educativa, chegaron á final da competición de proxectos 10 centros de Galicia e Portugal, que participaron en dúas categorías, makers e minimakers. O proxecto gañador na categoría makers foi para o IES Maximino Romero de Lema, co proxecto Transformación dixital durante a COVID, que plantexou diferentes medidas para reducir o risco de contaxio do COVID nos centros educativos. Na categoría minimakers o gañador foi o Club de ciencias do CEIP Ponte dos Brozos, co proxecto Desplastifícate, que une o uso da tecnoloxía e o fomento da conciencia ambiental creando espazos virtuais que semellan contornas naturais contaminadas.

Por último, durante as xornadas abertas, clausuradas onte pola tarde, entregáronse os premios do público nas categorías minimakers, makers e divulgación. Na primeira das categorías recibiu o 3º premio Kid's Kitcar, diseña, construye, compite, o 2º Ergonomik e o 1º premio foi para Watch-up room. Na categoría maker o 3º premio foi para ACO Robots, o 2º para Art&Technology e o 1º premio foi para Fabricación de aeronaves a escala. Por último, na categoría de divulgación o 3º premio foi para Estación para el control de la calidad de aguas de ríos, o 2º para TIC en 3D e o 1º premio foi para Neurotech Galicia.

Nesta xornada tamén se entregaron dous premios cuxos retos se lanzaron durante a xornada educativa, a Game Maker Jam (competición para a creación de videoxogos express) , que foi para Pitafarm e o Escornathon (competición para deseñar fichas de programación para o escornabot).

Ademais desdes premios, tamén se desvelou o maker de mérito, que entrega a organización todos os anos a aqueles/as que axudan de maneira significativa ó movemento maker. Este ano foi a parar a toda a comunidade maker polo seu traballo incansable durante os peores momentos da crise sanitaria derivada do COVID-19, e recolleu o premio o galego Álvaro Rey de Makergal, en representación de toda a comunidade.

Aproveitando a creación deste novo formato de evento 100% dixital, a organización deixará os contidos en aberto na plataforma do evento durante todo o ano, podendo así volver a desfrutar da experiencia e chegando a moito máis público a nivel mundial.
Maker Faire Galicia