Skip to main content

O Sergas conta xa coas suxerencias dos representantes da Mesa Sectorial sobre o decreto que regulará as oposicións e procesos de provisión

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) contestou ás alegacións dos sindicatos ao borrador de Decreto sobre provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas, na segunda das reunións da mesa sectorial por este tema. A relevancia deste documento, no que se está a traballar, radica en que regula as oposicións e procesos de mobilidade e ascenso para o persoal do SERGAS. Trala reunión do pasado martes 29 de marzo, as alegacións recibidas céntranse nun maior desenvolvemento dos baremos e da promoción interna, ao que o Sergas deu resposta nesta segunda reunión que tivo lugar en San Lázaro. Fixouse tamén un calendario sobre as diferentes materias do decreto que se continuarán a negociar en próximas reunións.

Administración e sindicatos manifestaron que o único marco lexitimado para negociar esta materia é a mesa sectorial; e acordouse negociar tódalas medidas de acceso e mellora no marco estatutario, sen se plantexar por ningún sindicato o marco de función pública ou de funcionarización do persoal, e rexeitando tal posibilidade na mesa sectorial.

Lembrar que esta nova normativa -que o Sergas está a pulsar cos representantes dos traballadores- regulará as Oposicións e os procesos de selección que se produzan no Sergas, de feito, trala súa aprobación polo Consello da Xunta convocaranse novas Oposicións. O instrumento que concretará as prazas e ofertas de emprego será o Plan de Ordenación de Recursos Humanos. Cada dous anos haberá oposicións recollidas nestes Plans.

Xunto con isto, o decreto establece lexislativamente a mobilidade dos profesionais non sanitarios de cara á función pública, e se fixan as bases para a promoción profesional. Outros aspectos destacados son que se inclúe a consolidación de grao,

Estes son os eixes das posteriores reunións entre o Sergas e a Mesa Sectorial, órgano de representación dos profesionais, co que o departamento sanitario galego está a ter continuo contacto para pechar temas de tanta transcendencia para os traballadores do mesmo como o convenio asinado esta mesma semana sobre carreira profesional.

OPOSICIÓNS E PROMOCIÓN PROFESIONAL

O proxecto de Decreto regula os procesos de selección do persoal estatutario tanto temporal -por listas de prelación-, como xeral -a través de Concurso-Oposición-, establecendo convocatorias cada dous anos. Por outra banda, dáse cobertura normativa á promoción profesional do persoal non incluído na Lei de Ordenación das Profesións Sanitarias (LOPS), e está dirixido ao persoal facultativo, enfermaría, e persoal sanitario e non sanitario.

RECIPROCIDADE ENTRE ADMINISTRACIÓNS

O Sergas propón a celebración de convenios de colaboración con Función Pública, que permitan, baixo o principio de reciprocidade, participar ó persoal non sanitario nos procesos de mobilidade de Función Pública e ao persoal funcionario acceder aos postos de traballo nas institucións sanitarias. Esta posibilidade atopa amparo legal na Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia e no Estatuto Marco. Por outra banda, contémplase tamén a consolidación do nivel de complemento de destino, para o persoal non sanitario.

XEFATURAS

Por outra banda, modifícase a regulamentación de acceso ás xefaturas nesta entidade, tanto sanitarias como non sanitarias. En canto aos profesionais sanitarios, establécense os elementos reguladores para a baremación de méritos na selección das xefaturas moitas delas por concurso de méritos en aplicación dun baremo, avaliables cada catro anos; no referente aos profesionais non sanitarios, o Sergas propón maioritariamente o sistema de concurso de méritos, semellante ao que se realiza no ámbito da función pública. No que se refire a esta baremación, o Sergas traballou xa -recollendo as valoracións dos representantes sindicais- na súa concreción e maior desenvolvemento, establecendo epígrafes de características de xeito máis pormenorizado.

A Consolidación de grao aplícase ao persoal fixo non sanitario e sanitario de formación profesional, e é un réxime previsto na función pública de Galicia. Supón obter efectos económicos derivados do desempeño de postos de nivel superior ao de orixe por cada dous anos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia