Skip to main content

Un estudo realizado na UDC alertaba hai un ano do risco considerable de desprendementos na Praia das Catedrais

No estudo participaron Javier Cremades Ugarte, catedrático de Bioloxía; Jesús Fernández Ruiz, profesor asociado de Xeotecnia, ambos os dous da UDC, así como José María Rodríguez Ortiz, catedrático de Xeotecnia da Universidad Politécnica de Madrid; Gregorio Iglesias Rodríguez, catedrático de Enxeñaría de Costas da Universidade de Cork (Irlanda). Completaron o equipo as tituladas en Xeoloxía, con ampla experiencia, Cristina Riesco e Ana María Plaza, así como o equipo de topografía Núcleo Galicia.

A Praia das Catedrais é o segundo lugar máis visitado de Galicia cunha afluencia media duns 500.000 visitantes anuais. Durante o recoñecemento xeolóxico dos expertos, constatouse que a caída de pequenos bloques, de tamaño centimétrico ou decimétrico, é diaria, especialmente durante e despois de temporais intensos. Estas caídas pasan desapercibidas porque durante os episodios de tempo adversos non hai visitantes na praia e porque quedan cubertas pola area de forma moi rápida. O cambio climático repercute tamén na degradación deste monumento natural, incrementándose a cantidade de rochas ou fragmentos que caen dos acantilados.

Nas conclusións do informe permítese, segundo explica o profesor Luis Medina, seguir mantendo o libre acceso aos visitantes “pero deberán sinalizarse as zonas e elementos considerados de risco alto e moi alto, debido á alta probabilidade de caídas de bloques neles como en covas, furnas, arcos, corredores e algúns acantilados” sinalizados no estudo. Ademais proponse un percorrido acondicionado para os visitantes no borde do acantilado aproveitando a pasarela existente, cunha prolongación e instalación de miradoiros. “Este percorrido permite contemplar o monumento desde unha perspectiva diferente e máis segura á que se consegue desde a praia”, explica Medina quen engade que “posibilita que os visitantes poidan velo en condicións de marea desfavorable e evita o deterioro da cobertura vexetal na parte superior do acantilado”. Finalmente, indica que se debería aumentar a vixilancia do cumprimento das sinalizacións.

O estudo realizado por estes expertos é altamente complexo, xa que conflúen varios campos científicos, Xeoloxía, Enxeñaría de Costas e Xeotecnia, cun elevado rango de incerteza. Non se ten constancia de que se realizase un estudo desta envergadura en ningunha parte do mundo. Existen análises realizadas relativas ao retroceso dos acantilados, como os de Dover no Reino Unido pero son de difícil transposición ao das Catedrais dado o tipo de rocha e a complicada xeometría da fronte costeira da Mariña lucense.

O traballo realizado neste completo informe incluíu un recoñecemento xeolóxico de campo moi minucioso e detallado de todo o monumento natural durante varias semanas. Tomáronse 481 fotos de alta resolución cun dron que permitiu detectar zonas inestables con risco de caída inminente. Tamén se realizou un estudo biolóxico das especies de flora e fauna presentes nos acantilados e se estudaron varios perfís de situacións tipo polos métodos habituais en Mecánica de Rochas e con programas de modelización numérica. Finalmente, tendo en conta que a ondada é o motor principal dos procesos litorais determinouse o clima marítimo en augas profundas e como modifica a propagación da ondada desde augas profundas ata a praia.

Este informe, realizado a través da Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia, elaborouse a petición da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia en 2018, logo dun accidente mortal acaecido polo impacto dunha rocha a unha turista, para determinar as condicións de seguridade e a súa posible evolución no tempo no Monumento Natural Praia das Catedrais.
Universidade da Coruña