Skip to main content

Co lema 'As found!' o arquitecto Carlos Pita Abad gaña o concurso de proxectos para rehabilitar a Fábrica de Armas como Cidade das TIC

No acto de apertura das plicas estaba a vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade, Amparo Casares, e o secretario do xurado, o xefe do Servizo de Arquitectura da UDC, Bernardo Lage Arias.

Ao Concurso de proxectos con intervención de xurado para a redacción do proxecto, dirección de obras e traballos de seguridade e saúde do Centro de Servizos Avanzados e estudo de detalle da rehabilitación da Fábrica de Armas para a Cidade das TIC presentáronse 19 propostas, o que levou a que o xurado propuxese unha segunda volta con sete delas. Nas reunións mantidas a primeiros deste mes, o xurado decidiu que o primeiro premio fose para a proposta As Found! que, abertas hoxe as plicas, resultou ser do arquitecto Carlos Pita Abad; o segundo premio foi para o proxecto Motherboard, dos arquitectos José Manuel Casabella e José Luis Martínez Raído; e o terceiro premio acadouno a proposta EGJIA 117, da arquitecta Elisabeth Abalo Díaz, o xurado decidiu dar unha mención especial á proposta DOOM 2020 dos arquitectos Irisarri Piñeira e Sabín Blanco.

A valoración arquitectónica que o xurado fixo do proxecto gañador para o CSA destaca que “consiste nunha intervención respectuosa e sincera, que pon en valor o existente e actualízao coa inclusión de novas pezas e solucións que o activan e revitalizan. Valórase moi especialmente a nova estrutura de madeira que se insire no patio central, sen que supoña un obstáculo senón máis ben un acontecemento. O resto dos espazos son fluídos e funcionais. Proposta moi posibilista e economicamente viable”. Sobre a cualificación espacial e funcional da parcela, recolle a acta do xurado que se “utiliza o concepto do lema “As found” para elaborar unha metodoloxía de intervención a todos os niveis, cun resultado moi ordenado e preciso, que equilibra con acerto os espazos libres e as zonas construídas”.

A ordenación da parcela propón “a creación dun gran parque urbano onde se lea con facilidade a vella estrutura da Fábrica de Armas e como esta se convirte na Cidade das TIC, nun lugar de carácter, amable, acolledor e máis humano”. A proposta de rehabilitación da Fábrica de Armas traballa sobre o concepto de “supermazá” desenvolvida por Salvador Rueda e a Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona, cun núcleo fundamentalmente peonil e tráfico rodado perimetral de moi baixa intensidade. O modelo sería un híbrido entre un parque inglés e un campus universitario americano, dándolle á árbore un protagonismo arquitectónico, coa creación dun bosque.

Sobre o CSA, a primeira das naves que se rehabilitará, proponse unha construción de 2.627 metros cadrados entre a planta baixa e a entreplanta destinados a empresas TIC; e 2.069 metros cadrados para laboratorios, aulas e zonas comúns (cafetería, espazos de traballo informais, instalacións...). O proxecto plantexa a potenciación da tipoloxía basilical do edificio coa introdución dunha nova construción de madeira de 440 metros cadrados, destinado a aulas, coworking, cafetería e espazo informal.

Vinculado a todo isto proponse unha “arquitectura de proximidade”, segundo se indica na idea gañadora, traballando con empresas locais e galegas para que todos os materiais, sistemas e elementos de produción sexan galegos, coa fin de diminuír a pegada de carbono e aproveitar a ocasión para xerar riqueza de proximidade.

O xurado, presidido polo reitor da UDC, Julio Abalde, estaba formado por Miguel Abelleira, arquitecto designado pola Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Cristóbal Crespo, arquitecto designado pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña; Amparo Casares, arquitecta e vicerreitora de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC; Antonio Raya, arquitecto e adxunto da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade da UDC; Álvaro Fernández, arquitecto representante das empresas socias da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Antonio Rodríguez del Corral, representante da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; Leoncio Touceda, representante da Sociedade Centro de Servizos Avanzados Cidade das TIC; e Bernardo Lage, xefe do Servizo de Arquitectura da UDC, como secretario.

Finalizado o acto de apertura das plicas cos nomes dos premiados, o reitor felicitou aos gañadores e agradeceu a elevada participación que puxo o nivel “altísimo”. Abalde manifestou a súa satisfacción polo avance deste proxecto que deixou xa de ser unha idea para ser unha realidade que se materializará pronto. Para o presidente do Clúster TIC Galicia hoxe é un día “para felicitarmos por este novo paso no desenvolvemento da Cidade das TIC”. Rodríguez del Corral confirmou que segue a rexistrarse unha alta demanda de empresas por instalarse na Cidade das TIC.

Sobre o CSA

A Cidade das TIC recibiu un importante apoio económico da Xunta de Galicia a través do Igape con 4,8 millóns de euros para construír o primeiro dos seus edificios, o Centro de Servizos Avanzados. O CSA será un centro de demostración, prototipado e lanzamento de proxectos para a implantación das TIC nos sectores económicos de Galicia. Prevese a súa entrada en funcionamento para o ano 2022 coa posta en marcha de laboratorios avanzados de innovación e un espazo de aloxamento para empresas TIC.
Universidade da Coruña