Skip to main content

Internacionalismo e pacifismo centran o último número de 'Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación'

O seu núcleo central é unha selección dos traballos presentados no XX Coloquio de Historia da Educación que tivo lugar en Monforte de Lemos e Ourense en xullo de 2019 baixo a coordinación da Facultade de Educación e Traballo Social.

Segundo explican os seus coordinadores, con este número monográfico búscase comprender como repercutiron as tendencias globais e transnacionais, de procedencia diversa, nas transformacións educativas ocorridas nos contextos ibérico e iberoamericano. “As identidades, o internacionalismo e o pacifismo proporcionaron un conxunto diverso de discursos, prácticas e experiencias, con frecuencia contraditorios, que merecen unha análise detallada, dando continuidade ao debate ocorrido no XX Coloquio de Historia da Educación”, sinalan.

Oito traballos

En coherencia co tema abordado, engaden Cid e Pintassilgo na presentación do volume, “este monográfico ten un perfil de colaboradores especial, dado que o seu propósito é analizar un conxunto de experiencias históricas de educación internacionalista e para a paz procedentes de diferentes países, tanto de Europa como de América Latina”. Sete das investigacións recollidas, detallan, están enmarcadas no século XX e “tratan aspectos de interese histórico que, ao mesmo tempo, serven de referencia para repensarmos a educación na actualidade e facermos propostas de futuro” e unha está enmarcada no século XIX.

Segundo explican os seus coordinadores, o monográfico ábrese con tres propostas de internacionalización. Así, arranca cunha análise de Carlos Manique sobre a figura de José Maria Eugénio de Almeida como actor influínte con interese en modelos educativos estranxeiros. Séguenlle achegas sobre realidades latinoamericanas da man de Myriam Southwell e sobre a comercialización de material escolar no primeiro terzo do século XX dan man de María José Martínez e José Pedro Marín. Na segunda parte, sen deixar de lado a perspectiva transnacional, a publicación recolle cinco traballos, elaborados en diferentes países, que teñen a educación para a paz como fío condutor, tanto os que se poden enmarcar no contexto da difusión internacional da renovación pedagóxica (Ana Diamant ou Carlota Boto) como os que se refiren a procesos de reconstrución democrática xurdidos despois das grandes confrontacións bélicas. Neles abórdanse temas como aprender fabricando xoguetes a través dunha experiencia de educar para a paz fóra da escola en Arxentina; os nenos e a guerra a través dos ollos dun pedagogo da Escola Nova en Portugal; os xornais escolares como heraldos de ensinos patrióticos e pacifistas en Brasil; o nacionalismo cívico como réxime emocional na educación chilena durante a Segunda Guerra Mundial ou o valor educativo da memoria da resistencia antifascista en Italia.

“Sen dúbida, a partir destas realidades analizadas nos oito artigos que integran este monográfico, quédanos a firme convicción de que a nivel planetario se tivo clara a necesidade de crear organismos internacionais fiables que mediasen nos conflitos entre estados, ou dentro de estados, así como o convencemento de que as escolas e outros axentes educativos deben facer máis énfase na procura de ideais democráticos, de diálogo e de práctica constante dunha educación para a paz que comece pola convivencia no seo da aula e amplíe o seu horizonte a escenarios máis amplos, coa ollada sempre posta na defensa dos dereitos humanos a nivel mundial”, comentan os coordinadores do volume.

Dous documentos asinados desde a UVigo

Alén de coordinar o monográfico que constitúe o groso da publicación, Xosé Manuel Cid asina no apartado de documentos da revista unha achega titulada A represión franquista do maxisterio. Unha historia que debemos seguir reescribindo, para fundamentar historicamente unha educación para a paz. “Neste documento amplíanse datos sobre a represión franquista achegando novas evidencias sobre a morte ou exilio de cinco docentes (Eloy Tejada, Eudosia Lorenzo, Isaac Forneiro, José Pena e Argimiro Gándara). Especialmente recóllese a documentación de dous deles, o mestre Eloy Tejada Sainz e a mestra Eudosia Lorenzo Diz, grazas ás achegas que fixeron as súas familias”, comenta o profesor da UVigo. Tamén da mesma Facultade de Educación e Traballo Social, a profesora María Victoria Carrera asina o texto Unha aposta pola educación para a paz e a comprensión internacional: o labor dos organismos internacionais latinoamericanos (1934-1956). “O documento presenta unha compilación de acordos sobre Educación Primaria aprobados en 103 reunións internacionais celebradas entre os anos 1934 e 1958 en diferentes países do continente americano. Estes acordos poñen de relevo o interese dos organismos internacionais, especialmente latinoamericanos, en promover a educación para a paz e a comprensión internacional”, comenta a profesora.
Universidade de Vigo