Skip to main content

250 anos do nacemento do 'primeiro científico galego'

En Inglaterra, tamén se relacionou con membros da Royal Society. Logo dunha ausencia de varios anos, a USC saca a concurso a súa cátedra de ‘Matemáticas sublimes’ e nos cursos 1812-13 e 1813-14 volve á docencia. “Domingo Fontán Rodríguez, autor do excelente Mapa Xeométrico de Galicia de 1834, é un dos seus alumnos, recoñecendo a Rodríguez como inspirador e mestre”, apuntan Docobo e Villaverde.

Traxectoria internacional

En outubro de 1814 saíu cara a Alemaña, esta vez comisionado para estudar Ciencias Naturais e Mineraloxía. Pasou case dous anos na Escola de Minas de Freiberg con Abraham Gottlab Werner, considerado un dos pioneiros da Xeoloxía e Mineraloxía moderna, “aquí debeuse iniciar na súa paixón por estas disciplinas que xa non abandonaría”, cren os investigadores. “A súa seguinte etapa foi Gotinga, alí o insigne matemático Friedrich Gauss, ensinaba no Observatorio da Universidade, Rodríguez pasou varios meses con el e incluso publicou en alemán Sobre as proporcións do esferoide terrestre”, sinalan.

Volveu a París en xuño de 1817. Durante esta segunda estadía mercou e remitiu á USC instrumentos científicos para o Gabinete de Física e para a realización da Carta Xeométrica de Galicia que ocupou a Domingo Fontán dezasete anos. Estudou co abade René Just Haüy, pai da Cristalografía, que lle brindou a súa amizade e o agasallou cos Sólidos Cristalográficos que se conservan na actualidade no Museo de Historia Natural da USC. Ademais, recibiu propostas dos gobernos ruso e arxentino para dirixir os seus Depósitos Xeográficos, pero consultou ao goberno español antes de tomar a decisión e este respondeulle co nomeamento de profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturais de Madrid. “Chegou a Madrid a finais de maio de 1819, renunciando á súa cátedra de Santiago e aceptando tamén o cargo de Director do Observatorio Astronómico, que cumpría poñer en uso, despois de anos en estado ruinoso a consecuencia da Guerra da Independencia”, sinalan os investigadores. O 2 de decembro dese ano comeza o primeiro curso de leccións públicas de Astronomía.

Política

Deputado por Galicia dende o 1 de xullo de 1820 ao 22 de febreiro de 1822, no chamado Trienio Liberal, compaxinou esta actividade coa docencia e dirección do Observatorio. “Non tiña vocación política pero era unha persoa comprometida coas súas ideas e co seu país”, apuntan Villaverde e Docobo.

A finais de abril de 1823, marchou de Madrid cara a Galicia. “Sábese pola súa correspondencia que o 22 de xuño de 1824 chegou a Oporto, visitou tamén Lisboa e Coimbra, tivo a oportunidade de reencontrarse con algúns dos seus compañeiros deputados e outros coñecidos, exiliados dende o ano anterior no país”, explican os investigadores. O 12 de setembro volve enfermo a Santiago. Ese mesmo día fina e na súa acta de defunción consta que foi soterrado na igrexa de San Agostiño, pero “na actualidade non é posible atopar ningún rastro nese lugar”, conclúen.
Universidade de Santiago de Compostela