Skip to main content

A Xunta recoñece as boas prácticas en materia de educación inclusiva de oito centros educativos galegos

Na categoría A, destinada a educación infantil e educación primaria, o primeiro premio é para o CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui (Tui), o segundo para o CEIP Valle Inclán (Vigo) e o terceiro para o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela). O Centro de Educación Especial (CEE) de Panxón (Nigrán) obtén o accésit.

No caso da categoría B, destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial; o IES Xograr Afonso Gómez (Sarria) recibe o 1º premio, o IES Valadares (Vigo) o 2º e o CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela) o 3º. O accésit é para o CIFP Paseo das Pontes (A Coruña).

Os centros galardoados co primeiro premio recibirán 5.000 €, os que obtiveron o segundo 2.500 € e os do terceiro1.000 €, mentres que os do accésit recibirán 500 €. Ademais, os centros premiados co primeiro premio obteñen o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.

A comisión de selección valorou as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro. Nun momento como o actual, de excepcionalidade motivado polo estado de pandemia, préstase tamén especial atención ao fomento da cultura inclusiva durante a suspensión da actividade lectiva presencial e a realización da actividade educativa a distancia.

As iniciativas premiadas poderán ser difundidas pola Consellería como boas prácticas de inclusión educativa, co fin de promover unha escola que compense as desigualdades, na que se axusten as intervencións educativas e o currículo á diversidade do alumnado e, en definitiva, unha educación que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornos e culturas inclusivas.
Xunta de Galicia