Skip to main content

Máis de 4.400 galegos optaron pola vía da arbitraxe para resolve-los seus problemas de consumo

Un total 4.460 galegos solicitaron en 2004 a resolución das súas reclamacións pola vía de Arbitraxe de Consumo. A cifra supón un incremento considerable, do 44 %, con respecto a 2003, dato que denota que a vía arbitral é cada vez máis coñecida polos consumidores galegos e se está a consolidar significativamente na nosa Comunidade: 36 de cada cen consumidores que presentaron reclamacións pediron a mediación da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia.

Ó igual que nos últimos anos, son as reclamacións polos servicios de comunicacións os que concentran o maior número de solicitudes de arbitraxe, 1.768 en total en 2004, un número que rexistra tamén un incremento importante con respecto ó exercicio anterior (1.002). Servicios de tarificación adicional en primeiro lugar, altas non recoñecidas polos usuarios en determinadas compañías e, en menor medida, problemas coas baixas en telefonía móbil, constitúen os principais motivos das queixas contra o sector sometidas á Arbitraxe de Consumo.

Síguenlle en volume, as tinturerías, con 381 solicitudes, téxtil-calzado, con 180, aparellos electrónicos 150, reparación (146) e venda de automóbiles (137), e axencias de viaxe (97). Todas estas cifras implican tamén un incremento na comparativa con 2003, pero non tan importante como o de telecomunicacións.

ALTO NÚMERO DE EMPRESAS ADHERIDAS

O feito de que boa parte das empresas dos sectores anteditos estean adscritas á Arbitraxe de Consumo posibilita unha resolución sinxela e rápida. En total, están adheridas á Xunta Arbitral de Consumo de Galicia 6.830 empresas e profesionais, ás que se engaden outras que teñen subscrito o compromiso coa Xunta Arbitral Nacional e ten efectividade en todo o territorio español. A aceptación da vía arbitral por parte da empresa reclamada resulta imprescindible para que a demanda do consumidor poda ser vista polo colexio arbitral. Fóra do compromiso formal de adhesión á Xunta Arbitral de Consumo, hai empresas que aceptan a arbitraxe para a resolución das reclamacións concretas que se lles presentan.

Das 4.460 solicitudes arbitrais, 1.058 (o 23 %) tiveron que ser arquivadas debido precisamente á non aceptación da vía por parte do empresario. É este un asunto no que a Xunta Arbitral, preocupada pola escasa receptividade dalgúns sectores concretos, centra parte dos seus esforzos.

A adhesión á Arbitraxe de Consumo, lonxe de resultar perxudicial para o comerciante ou empresario, constitúe unha garantía máis do labor que realiza, e un plus de confianza cara ó consumidor, por canto indica a súa boa disposición a acepta-la mediación dun órgano independiente en caso de queixas destes últimos. A dispoñibilidade do logotipo identificador da adhesión á Arbitraxe de Consumo implica, xa que logo, para o empresario un elemento diferenciador, fronte á competencia

MÁIS DA METADE DOS LAUDOS, A FAVOR DO CONSUMIDOR

Fóra das solicitudes rexeitadas polos empresarios, outras das que os consumidores desistiron posteriormente e das que estaban en trámite a primeiros deste ano, os colexios arbitrais resolveron o ano pasado 1.554 reclamacións (un 18 % máis que en 2003), das que 142 foron solucionadas sen necesidade da celebración de vistas, simplemente cunha mediación que puxo fin ó desacordo entre as partes.

Cando non prospera a mediación, o Colexio Arbitral emite un laudo arbitral. En 2004, foron 1.412 os laudos emitidos, dos que 824 foron estimatorios (a favor do consumidor), 428 desestimatorios, e 160 conciliatorios. Cómpre salientar que Galicia se consolida este ano como a segunda Comunidade española en número de laudos dictados, por detrás tan só de Cataluña.

Co obxecto de contar cos maiores elementos posibles que permitan tomar unha decisión acertada, en determinadas ocasións recúrrese a análises de laboratorios ou probas periciais. En 2004, formuláronse 208 solicitudes de peritaxe, que foron sufragadas pola Xunta Arbitral de Consumo. A meirande parte das mesmas- sobre todo as relacionadas coa limpeza de artículos téxtiles e reparación ou avarías de aparellos eléctricos- foi realizada no Laboratorio de Consumo de Galicia.

A contía media das reclamacións foi de 422 euros, ainda que, ó non existir límites máximos nin mínimos para o sometemento a esta vía, o abano de contías é moi amplo.

Unha das características propias do Sistema Arbitral de Consumo é a rapidez na resolución, entre ún e catro meses. De feito, dende a designación do colexio arbitral, o 28 % dos laudos foi emitido en menos de un mes, e só nun 0’7 % dos casos chegou ós catro meses.

Polo que atinxe á eficacia dos laudos, o nivel de cumprimentos voluntarios é moi satisfactorio, xa que tan só o 1 % do total tivo que ser executado na vía xudicial debido á negativa da parte reclamada.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia