Skip to main content

A Fundación Fraguas e o Museo do Pobo presentan 'Os animais de Fraguas'

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou “a figura de Fraguas e as súas importantes achegas ao coñecemento e á interpretación da mitoloxía popular galega por medio dunha excelsa e valiosa obra a prol da salvagarda e dinamización global da lingua e cultura galegas” e felicitou ao museo e á fundación “por seguiren traballando arreo no ronsel do noso cotobadés máis universal e por seguir impulsando o coñecemento social da súa figura e da súa obra”.

De texto inédito a libro ilustrado

O libro ilustrado Os animais de Fraguas recupera un texto inacabado e ata agora inédito de Antonio Fraguas sobre crenzas populares arredor de distintos animais, editado coa colaboración do filólogo Antón Santamaria e ilustrado por Miguelanxo Prado baixo a dirección artística de Kiko da Silva e a coordinación editorial de Fuco Sanjiao. Nel, as linguaxes visual e textual dialogan para compartir lendas, consellos, coplas populares e crenzas arredor de animais como as cobras, o lagarto, a sabandixa, o sapo, a toupeira, as arañas, o alacrán, a denociña, o lobo, o raposo, o can, a galiña, o galo, as pegas, o cuco, do paspalló, o pimpín, o chasco, as anduriñas, a lavandeira, a carriza, o crego marelo, o corvo, a rapiña, a curuxa ou os biosbardos; en suma, dos animais de don Antón Fraguas, exemplo de quen traballou por e sempre para Galicia, por amor á nosa Terra.
Fundación Antonio Fraguas