Skip to main content

Entregados os Premios Artesanía de Galicia 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, puxo de relevo hoxe na cerimonia de entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2020 que estes galardóns enxalzan os valores dun sector clave da identidade colectiva da Comunidade e unha das vías de preservación do patrimonio cultural e etnográfico. Neste sentido, destacou tamén a súa dimensión económica, pois conta con máis de 3000 artesáns rexistrados e preto de 700 obradoiros que traballan baixo a marca Artesanía de Galicia.

Na súa intervención, Conde subliñou como un dos valores que mellor define este sector na actualidade a aposta pola innovación, xunto co compromiso polo traballo ben feito, apuntando que a Xunta busca impulsar a súa competitividade para favorecer o crecemento e a sustentabilidade das empresas que o conforman e o seu posicionamento en novos mercados.

Con estes galardóns, a Xunta recoñece o talento dun sector que supón un importante motor ecónomico e cultural para a Comunidade. O Premio Artesanía de Galicia, que é a máxima categoría e está dotado con 9.000 euros, recaeu no obradoiro de tecido Traxandaina Traxe Tradicional (Lugo) pola súa obra Tesouro Aldeán, unha capa baseada nunha lensa antiga do traxe galego e seguindo as técnicas de elaboración das costureiras tradicionais. Os obradoiros Laura Delgado Cerámica (Cambre), Santiago Besteiro Design (Monterroso) e Jatafarta (Santiago de Compostela) resultaron finalistas neste apartado dos premios.

Por outra banda, o Premio Traxectoria, de carácter honorífico, foi para o ourive Ricardo Rivas Casal (Santiago de Compostela), pola súa destacada traxectoria profesional e divulgativa da ourivería compostelá. Ademais, a Loaira Pérez, do obradoiro Raposiñas. Cerámica feita de vagar (A Pobra do Caramiñal), correspondeulle a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4000 euros que investirá na continuación da súa formación artística e empresarial.

Os Premios Artesanía de Galicia 2020 serven para visibilizar un ano máis a mellora continua no labor dos artesáns galegos. Este certame busca contribuír a poñer en valor o sector, así como a divulgar o traballo dos profesionais entre a sociedade; potenciar a creatividade; promover a captación do talento, facendo fincapé na incorporación dos artesáns máis novos a través do apoio á súa formación especializada; e a impulsar a remuda xeracional ao tempo que se aposta pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción. Os trofeos das categorías Premio Traxectoria e Premio Artesanía de Galicia están elaborados en madeira e prata polo obradoiro de xoiería Maysil (A Estrada).

Traxandaina Traxe Tradicional

O obradoiro Traxandaina (Lugo) gañou o Premio Artesanía de Galicia 2020, que recoñece unha obra que representa as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra. O xurado por unanimidade destacou o valor de Tesouro Aldeán como unha peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manifestación contundente do oficio.

Antón Sanjurjo e Teresa Astorgano son os responsables de Traxandaina Traxe Tradicional, un obradoiro artesán dedicado á localización, ao estudo e á reprodución do traxe aldeán de garda –da roupa de homes e mulleres que lucían os domingos ou nas feiras ata comezos do século XX– principalmente da provincia de Lugo. O obradoiro naceu co obxectivo de se converter nun referente na conservación da cultura tradicional e do xeito de vestir das zonas do rural e da montaña de Lugo.

A peza gañadora Tesouro Aldeán é unha capa contemporánea inspirada nas mantelas ou lensas recollidas na provincia de Lugo, en concreto nunha lensa antiga atopada en Portomarín. O obxectivo é amosar as posibilidades cualitativas e estéticas de determinadas técnicas tradicionais de costura e de decoración aplicadas á vestimenta moderna, mediante a confección dunha prenda de abrigo acorde ás tendencias actuais.

Ricardo Rivas, Premio Traxectoria 2020

O Premio Traxectoria, concedido este ano ao ourive Ricardo Rivas Casal (Santiago de Compostela), ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector para recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a contribución á súa posta en valor e promoción, a calidade do seu traballo, así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos do sector. A súa candidatura foi proposta pola Asociación Ourives de Compostela.

Ricardo Rivas, dotado dunha destacada destreza e capacidade artística, dedica a súa vida á artesanía. Aprendeu o oficio de ourive no obradoiro familiar, na zona vella compostelá, ao tempo que se formou na Escola de Artes e Oficios Artísticos Mestre Mateo. Membro da Comisión Galega da Artesanía durante 10 anos e membro fundador da Asociación de Ourives de Santiago, no ano 2018 foi agasallado coa Medalla de Prata na Gala de San Eloi, organizada polo Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia e a Federación Galega de Xoieiros.

O obradoiro de Ricardo Rivas é o único que perdura do cento que existían a primeiros do século XX no corazón acibecheiro de Galicia, na rúa da Acibechería de Santiago de Compostela, e o único tamén que aínda permite aprender o oficio máis antigo nesta cidade, posto que compatibiliza o traballo como artesán co seu labor de docente.

Bolsa Eloy Gesto

Loaira Pérez Pérez, do obradoiro Raposiñas. Cerámica feita de vagar (A Pobra do Caramiñal), gañou a Bolsa Eloy Gesto 2020, dotada con 4000 euros para investir en formación especializada nun centro de prestixio. Con esta bolsa a Xunta busca potenciar a remuda xeracional no sector, o acceso de novos talentos á artesanía e a súa profesionalización.

Cunha ampla formación artística en Belas Artes, restauración e xoiaría, Loaira Pérez crea en xullo de 2019 Raposiñas, que define como un obradoiro cerámico rural no que os conceptos marcan os deseños. Coa Bolsa Eloy Gesto terá a oportunidade de formarse no Cencal, Centro de Formación Profesional para a Industria Cerámica, en Caldas da Raínha (Portugal), así como na fábrica de cerámica portuguesa Bordallo Pinheiro, un referente internacional.
Premios Artesanía de Galicia