Skip to main content

A campaña da vieira da Ría de Arousa tivo máis de 200.000 quilos de capturas e unha facturación superior ó millón de euros

A última campaña da extración de vieira levada a cabo na Ría de Arousa entre o 13 de decembro e o 22 de marzo de 2005 rexistrou un volume de capturas que ascendeu aos 201.711 quilos, o que supuxo un nivel de facturación de 1.033.222 euros. Segundo os datos dos que dispón a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, nesta campaña saíron a faenar un promedio diario de 51 embarcacións ó longo de 68 días.

Catro actas de denuncia e a incautación de 49 quilos de vieira foron os resultados das inspecións realizadas polo Servizo de Gardacostas ao longo da campaña. Estos datos reflicten o estricto control levado a cabo polos axentes da Consellería de Pesca así como o aumento progresivo da concienciación dos profesionais do mar.

Os gardacostas encargáronse de supervisar o Plan da Vieira en todo momento, desde a primeira fase de extración da mercadoría ata a súa chegada aos establecementos de depuración, pasando pola descarga en lonxa e o seu transporte. Nesta rigurosa vixilancia participaron as Unidades Operativas de Vilaxóan, Ribeira e Vigo. Deste xeito, a Consellería de Pesca pretende asegurar a captura racional dos recursos marítimos pesqueiros e garantir a salubridade das especies extraídas ao abeiro deste plan.

Os gardacostas efectuaron 3.444 inspeccións no punto de control marítimo situado fronte a Cambados.-

Os axentes da Unidade Operativa de Vilaxoán realizaron un total de 3.444 inspecións no punto de control marítimo que se estableceu fronte a Cambados, por onde tiñan que pasar obrigatoriamente cada unha das embarcacións inscritas na campaña. Neste punto de control, os gardacostas comprobaron os barcos autorizados e o seu número de tripulantes, así como o tamaño das vieiras capturadas.

O persoal da Consellería de Pesca garantiu tamén que as labores extractivas eran realizadas nas zonas autorizadas e que o cupo das vieiras non sobrepasaba o máximo permitido (establecido en 25 quilos por tripulante e día e permitíndose ata un máximo de 75 quilos por embarcación). Ao longo da campaña os gardacostas devolveron ao mar un total de 1.640 quilos de vieira por exceso de cupo.

Un segundo punto de control no peirao de Tragrove

Os membros das Unidades Operativas de Ribeira e Vigo encargáronse de inspecionar as descargas no peirao de Tragrove, en Cambados, onde se ubicou o segundo punto de control. Alí, os axentes supervisaron o proceso de pesaxe da vieira no interior da lonxa así como o precintado dos vehículos encargados de transportar a mercadoría. Ademais, os gardacostas acompañaban ós vehículos ata as empresas de evisceración co fin de garantir unha perfecta trazabilidade do producto e un esctrito control das partidas capturadas.

O persoal da Unidade Operativa de Vilaxóan tamén supervisou o traslado da vieira entre as distintas zonas da Ría de Arousa. Nestas labores, que se desenrolaron entre o 24 de xaneiro e o 22 de marzo, participaron diariamente 42 embarcacións que trasladaron un total de 35.970 quilos de especies.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia