Skip to main content

As xornadas sobre conflictividade na escola reúnen a 350 docentes en Santiago

O director xeral de Centros e Ordenación Educativa, Alberto González Armesto, presidiu o acto de inauguración das xornadas “Conflitividade e convivencia na escola. A aprendizaxe da democracia”, nas que participan 350 profesionais do Ensino Primario e Secundario.

O encontro forma parte das iniciativas que o departamento que dirixe Celso Currás Fernández porá en marcha ao longo deste ano para abordar en profundidade o fenómeno da conflitividade escolar, do que forma parte, entre outras situacións, o nomeado acoso escolar ou bullying.

De feito, no último retiro do Goberno da Xunta, que este ano se celebrou no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, o conselleiro anunciou a confeción e execución dun Plan de Mellora da Convivencia nos Centros.

No acto, Alberto González Armesto resaltou a importancia de convocar xornadas deste tipo, dirixidas a docentes e destinadas a previr as situación conflitivas nun intre no que hai un considerable incremento da sensibilidade social ao respecto.

O director xeral de Centros fixo fincapé en diferenciar os o conflitos de índole menor orixinados pola competitividade san entre mozos e mozas, que “non ten necesariamente que ser negativos”, e os que conclúen en situacións violentas, os cales “se ten que erradicar de raíz”.

Alberto González salientou que para resolver os conflitos que xurdan na aula con éxito é necesario que participen de xeito coordinado tanto os profesores como familias.

O obxectivo principal deste encontro, que ten lugar na sede da EGAP, é a reflexión e a análise do que é o conflito co fin de chegar a diagnóstico doado para o seu tratamento. As xornadas queren ser tamén un espazo de intercambio de experiencias de centros que teñen adoptado medidas e estratexias para a prevención e xestión da conflitividade.

Así o intercambio, entre os profesionais do ensino, de fórmulas que melloren e estimulen a convivencia no ámbito educativo xoga un papel importante para acadar melloras no sistema.

Durante esta xornada os participantes terán a posibilidade non só de asistir ás conferencias, senón tamén a obradoiros prácticos e simultáneos, dirixidos por destacados profesionais. Entre eles cómpre destacar a presenza do doutor en Ciencias da Educación e profesor de Didáctica e Organización na Universidade de Alcalá, Juan Carlos Torrego Seijo, que ademais da conferencia inaugural sobre Mediación e tratamento de conflitos en centros educativos desde un modelo integrado tamén impartirá un obradoiro sobre Mediación e tratamento de conflitos.

Nestes obradoiros abordaranse cuestións como a mediación de conflitos no ensino, a creación de normas e límites na ESO, aprender a pensar en cooperación na aula e a construción dunha cultura democrática nos centros educativos.

Estas xornadas organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria enmárcanse dentro do Plan de Formación do Profesorado que se vén desenvolvendo dende 1991.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia