Skip to main content

Luís Pousa recibe o XLI Premio Afundación de Periodismo Julio Camba

Acompañaron ao premiado, ademais das outras dúas finalistas Marta Villar e Noemí Sabugal, o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, quen abriu o acto enxalzando a figura de Julio Camba «que reunía na súa prosa unha serie de ingredientes que a fixeron única, diferente, brillante e un referente no ámbito das letras. Este galardón que non só celebra o seu legado intelectual, senón que tamén dá paso a novas voces, a outros escritores e xornalistas que sentarán os piares do futuro». Quixo tamén trasladar ás persoas finalistas as «felicitacións por esta distinción e quérovos agradecer as vosas historias e as vosas palabras. Como vós, en Afundación queremos que a cultura e o coñecemento sexan patrimonio social». Xunto a el estiveron o presidente e o secretario do xurado, Alfredo Conde e Isaac González Toribio, e os vogais Cristina Sánchez-Andrade, Elvira Lindo, Gervasio Pousadas e Ramón Pernas, que se conectaron de forma telemática.

O escritor Alfredo Conde foi o encargado de ler a acta do xurado no que exerce como presidente e do que formaron parte nesta edición como secretario, o director de comunicación e Relacións Institucionais de ABANCA, Isaac González Toribio e como vogais a escritora Elvira Lindo, o director de Ámbito Cultural de El Corte Inglés, Gervasio Posadas, o escritor Ramón Pernas e a gañadora da pasada edición, Cristina Sánchez-Andrade. Alfredo Conde quixo destacar que nesta edición «tivo lugar unha das votacións máis complicadas que eu recorde, e eu levo como xurado neste premio case corenta anos».

Pola súa banda, o gañador quixo agradecer o apoio dos seus compañeiros e compañeiras da Sección Local do xornal La Voz de Galicia, segundo a súa opinión «a sección máis importante do xornalismo», así como destacar a calidade dos artigos finalistas, «os textos de Marta e Noemí son dous artigos escritos desde o sentimento e formalmente perfectos, é unha honra para min chegar a ser finalista xunto a elas». «Todos vimos dun ano moi complicado, e eu neste momento acórdome especialmente da miña nai. Faime moi feliz poder compartir unha alegría coa xente que me quere».

O premio, ao que se presentaron 93 artigos publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019, está dotado con 10 000 €. O seu fallo, que debería terse realizado no 2020, atrasouse ata hoxe por causa da pandemia. Luís Pousa súmase á nómina de persoas distinguidas co galardón desde a primeira edición en 1980: Gonzalo Fernández de la Mora, Luciano del Río Besada, Carlos García Bayón, Alfredo Conde, Bernardo Víctor Carande, Antonio Odriozola, Raimundo García Fernández, Adolfo Prego, José Montero Alonso, Rafael Landín Carrasco, Julio Sierra, Xesús Ferro Ruibal, Arturo Lezcano Fernández, Santiago Castelo, Torcuato Luca de Tena, Carlos Casares, Miguel Ángel Cuadrado, Juan Manuel de Prada Blanco, Diego Bernal López, Alfonso Eire López, César Casal González, Miguel Suárez Abel, Manuel Rivas Barros, Manuel Jabois Sueiro, Marino Gómez Santos, Eugenio Fuente, Fernando Savater, Felipe Benítez Reyes, Andrés Trapiello, Pedro Ugarte Tamayo, Ángela Vallvey Arévalo, Ramón Pernas López, José Manuel Otero Lastres, Ángeles Caso, Luis Ventoso, Ignacio Camacho, Ramón Loureiro Calvo, Miguel Anxo Murado, Ricardo Fernández Colmenero e Cristina Sánchez-Andrade, gañadora da pasada edición.

Luís Pousa Rodríguez (Lugo, 1971). Doutor en Matemáticas pola Universidade de Santiago, ampliou estudos na University College Dublin e a Universitat de Barcelona. É profesor de Fundamentos Matemáticos en Arquitectura. Desde 1996 dedícase profesionalmente ao xornalismo, primeiro en El Ideal Gallego e, a partir do 2000, en La Voz de Galicia, onde foi xefe das áreas de Cultura e Opinión. No 2015 gañou o Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego. Firma habitual do suplemento Papel Literario, do diario venezolano El Nacional, colaborou, entre outros medios, coa revista Jot Down, a Radio Galega e as cabeceiras Excelente e Ronda do grupo Iberia-IAG. Debutou na literatura co poemario El ombligo del mar e gañou a novena edición do premio literario Fernando Areas Quintela coa novela La noche de las palabras (Ediciones Arenas, 2009).
Afundación