Skip to main content

O CDG coproduce con Aragón e Madrid a obra Misiles Melódicos, de Sanchis Siniterra

O Centro Dramático Galego (CDG) coproduce co Centro Dramático de Aragón (CDA) e co Teatro Español de Madrid a obra Misiles Melódicos, que se estrea o venres 15 de abril no Teatro Principal de Zaragoza. Dúas actrices galegas forman parte do elenco desta montaxe, que se define como una traxicomedia musical, realizada a partir do texto de José Sanchis Sinisterra, Premio Nacional de Literatura Dramática 2004.

O proxecto forma parte dun acordo acadado entre as compañías públicas galega e aragonesa para desenvolver unha serie de actividades conxuntas destinadas a favorecer o intercambio de experiencias profesionais, así como a contribuir ó obxectivo común de promocionar as artes escénicas nas súas respectivas comunidades autónomas e no resto do Estado.

PARTICIPACIÓN GALEGA

O espectáculo, que resposta ó título completo de Misiles melódicos o las autoridades sanitarias no advierten de que las armas perjudican seriamente la salud, exhibirase en Galicia no mes de novembro e poderá verse tamén en Madrid e noutros puntos da xeografía española. Conta con dirección de escena do arxentino David Amitin, profesional de ampla experiencia tanto no campo da escena como do musical, cuxo traballo se caracteriza pola busca de novos camiños expresivos. No equipo artístico encargado da posta en escena tamén destacan Gabriel Sopeña como autor da música e Jon Berrondo como deseñador da escenografía.

Xunto ás actrices galegas Marta Pazos (no papel de Cloe, chica pacifista) e María Salgueiro (no de Arantxa Moscoso, directivo de Defensystems Zulueta S.A.), integran o reparto José Luis Esteban, Cristina Yáñez, Camino Miñana, Santiago Meléndez, Jorge Usón, Carlos Blanco, Gabriel Latorre, Marilés Gil e Alfonso Palomares.

A trama argumental de Misiles melódicos arrinca cando o director dunha empresa multinacional especializada na fabricación e tráfico de armas esperta cun estrano comportamento: en vez de falar, canta. A partir de aquí sucédense as situacións disparatadas para propiciar a denuncia e a reflexión sobre a existencia das guerras como vergoñante motor dunha economía deshumanizada e inxusta.

TAMÉN EL COLABORADOR

Misiles Melódicos é a primeira das dúas coproducións previstas, xa que ambos centros teatrais voltarán a unirse en 2006 para a escenificación doutra obra, neste caso El Colaborador de Friedrich Dürrenmatt, baixo a dirección de Manuel Guede Oliva, director do CDG.

Para esta montaxe, o CDA encargarase da produción executiva do espectáculo, en tanto que o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) aportará a dirección de escena e cederá os decorados, elementos de atrezo, deseños de iluminación e son, propiedade do CDG, que foron utilizados para a versión escénica en galego que se realizou na pasada temporada 2002.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia