Skip to main content

O xurado do XXI Premio Aresa anuncia os catro finalistas ao galardón

O xurado do XXI Premio Aresa, un tribunal presidido polo reitor da USC, Antonio López Díaz, e do que tamén forman parte o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o presidente do Grupo Core, Manuel Gómez-Franqueira, e a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC María José Alonso Fernández, reuniuse este xoves na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para avaliar as dezaseis candidaturas presentadas e, de seguido, dar a coñecer os nomes das catro propostas finalistas da vixésimo primeira edición do Premio Aresa: Centro de Formación Rural-EFA Fonteboa, Arnigal Cultivos, Cooperativa A Carqueixa e a Estratexia de loita ecolóxica fronte á praga de rata toupa,unha iniciativa presentada polo docente e investigador da USC Pablo Sánchez Quinteiro.

O xurado, dacordo coas premisas establecidas nas bases do XXI Premio Aresa, valorou con especial atención as iniciativas que redefiniran o seu modelo de negocio durante a pandemia, crearan un novo proxecto ou axudaran a outros, sen esquecerse da finalidade esencial do galardón, que é recoñecer entidades, empresas, grupos de investigación, asociacións ou persoas individuais, que contribúen de forma decisiva a crear riqueza nos ámbitos agrícola e/ou gandeiro. A xeración de postos de traballo de calidade no rural, a posta en valor dos produtos da terra, a recuperación de subsectores agrícolas ou gandeiros tradicionais con potencial para desenvolverse e a innovación en produtos e métodos produtivos, son outros dos criterios que ten en conta esta convocatoria.

Unha vez determinados os catro finalistas que optan ao XXI Premio Aresa, os membros do xurado adiantaron asemade que o gañador desta edición do galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, coñecerase o vindeiro 11 de febreiro, no marco dunha sesión programada para as 12.30 horas e que poderá seguirse por streaming.

Méritos dos finalistas

O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa xorde no ano 1975 como unha iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación do medio rural e desde ese ano leva graduado a uns 1.100 estudantes en Formación Profesional Agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións agrarias e contribúen no fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais.

Arnigal Cultivos nace da innovación en varias áreas para manter unha produción de Arnica montana constante e necesaria para a súa explotación comercial, pois unha parte importante da flor de árnica utilizada pola industria farmacéutica e cosmética provén da recollida en Galicia. Comezou a súa actividade en febreiro de 2020 coa comercialización dunha gama de tres produtos e coa aposta pola sostibilidade mediante o cultivo ecolóxico, así como a utilización de solventes e tecnoloxías verdes de extracción e a xestión e reutilización de residuos.

O terceiro dos finalistas anunciados esta tarde, Cooperativa A Carqueixa, ten a súa orixe en 1994, ano no que se fundou para a comercialización conxunta de xatos e a compra de insumos, adquirir máis dimensión como colectivo e conseguir que os produtores de carne de Cervantes fosen un sector máis forte e cohesionado. A día de hoxe está formada por uns 200 cooperativistas.

O proxecto ‘Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa’, presentado por Pablo Sánchez Quinteiro, pretende aportar a experiencia dos membos do grupo de Neuroanatomía do departamento de Anatomía da Facultade de Veterinaria da USC no estudo da comunicación química dos mamíferos para o desenvolvemento dunha estratexia de control para este tipo de praga. Esta iniciativa baséase na utilización dos sinais químicos producidos pola propia rata toupa (feromonas) e polos seus depredadores, fundamentalmente o raposo (cairomonas), nas zonas afectadas.

Ademais de salientar os méritos das catro candidatruas elixidas, os membros do xurado recoñeceron a calidade do resto de propostas presentadas: Cátedra Da Cunha do pan e do cereal, de Ángeles Romero e Santiago Pereira (Campus Terra da USC); Aeiroá; O Mundo do Souto; H2GZ Terrazas Agrícolas Robotizadas en Mondoñedo; Muuhlloa; As vacas da Ulloa SCG; Trigo y Limpio; Gandería Quintián; Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra); Verín Biocoop SCG; Corazón de Carballo, e Conservas do Támega.
Universidade de Santiago de Compostela