Skip to main content

A exposición 'As primeiras xornalistas, elas escribiron a historia' pode visitarse na Coruña ata o 5 de abril

Tras pasar por Pontevedra e Lugo, a exposición chega á Coruña coincidindo coa conmemoración o próximo luns do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Xornalistas, escritoras, mulleres comprometidas de varias xeracións conforman a mostra, que está estruturada por un conxunto de paneis que dan conta das vivencias, a biografía e as experiencias de doce reporteiras, escritoras, directoras e correspondentes de guerra.

Nesta mirada desde a historia hai espazo para varias coruñesas. Así se recollen as opinións de Emilia Pardo Bazán en máis de dous mil artigos de prensa ou de pioneiras como outra coruñesa, Mª Luz Morales, primeira directora dun xornal. Parte da exposición dedícase ademais á cullerdense Sofía Casanova, correspondente de guerra e a Virginia Felicia, coruñesa coñecida como A raíña do folletín.

Completan o elenco de homenaxeadas nesta exposición a xornalista Concepción Arenal; as poetisas Filomena Dato, Clara Corral e Pura Vázquez; a crítica literaria Concha Castroviejo; Mercedes Vieito, que exerceu o xornalismo desde Cuba; a escritora María Vinyals e Avelina Valladares, articulista e poetisa.

Na colección amósanse, de xeito visual e didáctico, diversos aspectos das súas traxectorias, que viron marcadas, na práctica totalidade dos casos, polo inconformismo, a rebeldía contra a discriminación, a excelencia creadora e a loita pola igualdade.

A Xunta persegue con esta iniciativa que toda a sociedade, especialmente a mocidade, coñeza esta parte da historia de Galicia e dos inicios da loita pola igualdade. Tamén serve para recoñecer o papel de mulleres referentes na profesión xornalística galega, que contribuíron en cada momento á modernización política, social e cultural a través dos seus escritos e das súas voces.

Secretaría Xeral de Igualdade