Skip to main content

O novo convenio para Arxentina pode mermar considerablemente o financiamento sanitario respeto ao programa anterior

O convenio sanitario firmado o pasado 21 de marzo entre os gobernos de España e Arxentina podería mermar considerablemente o financiamento sanitario dos galegos que son atendidos polo Hospital do Centro Galego con respeto ao Programa España Saúde, establecido polo anterior Executivo. Así se recolle nalgúns estudios analizados durante a xuntanza do Padroado da Fundación Galicia Saúde, que está a presidir en Bos Aires o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez. Esta institución asumiu no seu día a xestión deste hospital e puxo en marcha un plan de viabilidade trala crise que viviu a sociedade arxentina.

Nesta mesma liña, o conselleiro de Sanidade sinalou que o financiamento que recolle este acordo é sensiblemente inferior ao establecido polo anterior Goberno. O titular do departamento sanitario galego sinalou tamén que é “discriminatorio, arbitrario e moi difuso” e non ofrece máis dereitos aos emigrantes galegos, polo que se trata só dunha medida “electoralista”.

NOVAS ESTRATEXIAS PARA O FUTURO

Por outra banda, nesta xuntanza abordáronse os orzamentos da Fundación Galega de Saúde para o 2005, que ascenden a máis de 14 millóns de euros. Neste sentido, os presupostos da Xunta para este ano contemplan unha partida de 1.750.000 euros para esta institución, que se destinará, en gran parte, a inversións. Con respecto as infraestruturas, cabe destacar que o próximo mes de xuño está previsto terminar as obras de renovación e modernización da maternidade do Hospital do Centro Galego, situada nunha planta de 1.200 metros cadrados, e que contará cunha área específica de neonatoloxía, servizo que non se prestaba ata agora neste centro hospitalario. Tamén se está a renovar o equipamento coa fin de mellorar a calidade da asistencia que se presta aos pacientes.

No transcurso desta reunión, analizáronse tamén as estratexias futuras da Fundación, entre elas a captación de máis afiliados, especialmente entre os menores e os clientes de obras socias e prepagas, xa que estas últimas entidades carecen, na súa grande maioría, de institucións sanitarias propias. Tamén se contempla outras medidas de modernización e axilización da xestión sanitaria, que irán acompañadas da informatización tanto das áreas asistenciais como administrativas. Outro dos obxectivos para os vindeiros anos é inscribir a Fundación como obra social, o que permitiría reducir a cuota dos afiliados e incrementar o número de socios.

ENTREGA DE MEDICAMENTOS

Previamente a xuntanza do Padroado da Fundación Galicia Saúde, o conselleiro de Sanidade fixo entrega dun novo lote de medicamentos á farmacia do Hospital do Centro Galego de Bos Aires.Trátase, nesta ocasión, de tres palets, principalmente antibióticos (preto de 500 quilos), por valor de 18.000 euros. Cabe recordar que a Dirección Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios da Consellería de Sanidade leva coordinadas diversas achegas de material e medicamentos con destino a esta farmacia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia