Skip to main content

O CDG anuncia a estrea da súa nova a produción teatral 'Terceiro acto' o 15 de abril

Con escenografía de Marta Pazos, vestiario de Yaiza Pinillos e iluminación a cargo de Miguel Ruz Velasco, Terceiro acto permanecerá no Salón Teatro ata o 16 de maio. Completan o equipo artístico Hugo Torres, a cargo do espazo sonoro, e Amaya Galeote, da coreografía, respectivamente, así como Laura Míguez na asistencia de dirección, Carmen Triñanes, na de escenografía e Xandre Vázquez, na de produción.


Na escena, esta troupe de actrices e actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa da vida.


O público poderá gozar da peza a partir do 15 abril todos os xoves ás 20,00 h., e os venres e sábados con dobres funcións, ás 17,00 e ás 20,00 h. Ademais, os domingos haberá representacións ás 18,00 h, seguidas de encontros co equipo artístico. Tamén están previstas funcións inclusivas e descontraídas para facilitarlles o acceso ao espectáculo ás persoas con diversidade funcional, como xa se fixo coa anterior produción, O charco de Ulises. As entradas estarán á venda de xeito anticipado a través de ataquilla.com e, dúas horas antes de cada función, no despacho de billetes do Salón Teatro.


Terceiro acto é a segunda estrea das tres producións previstas para este ano polo CDG, unidade teatral da Xunta. O pasado xaneiro arrancaba a programación propia con O charco de Ulises, da que se realizará unha xira por todo o territorio galego a finais de ano, e en setembro estrearase Serva me, servabo te.
Centro Dramático Galego