Skip to main content

No centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo

Así se anunciaba a iniciativa a principios do mes de xullo de 2020:

O MOTIVO

Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas ou cun dos libros de Ediciós do Castro? Quen non gozou dalgunha das súas tendas / galería de arte / casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fábrica de Cervo ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside? 

QUEN SOMOS

Alento esbravexo. Somos un grupo de persoas, que non queremos deixar pasar esta data sen ofrecer a nosa contribución e a de todas aquelas, dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración. Somos sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario. Convocámonos ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte, artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de fortalecer e recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñemos en marcha esta tarefa colectiva tan necesaria. 

COMO PARTICIPAR

Sen financiamento, sen promesas de exposición nin publicación, sen nada fóra do traballo xeneroso que -unha vez máis se nos pide- saímos ao camiño procurando esa flor que pode chegar en calquera modalidade de expresión (obra plástica dixital ou dixitalizada, palabras nun escrito, peza artesanal, traballo sobre unha obra del,...) porque todo é válido se o facemos pensando no polifacético Isaac. 

QUE FACER

Cadaquén pode inspirarse en algo relacionado con Isaac (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha peza cerámica, deseño, un tipo de letra, grafiti, danza, música, performance, etc.). Tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados  ou non, con total liberdade.”

Agora, ao final do camiño, xa en abril do 2021, podemos ir pechando a experiencia cando contamos con máis de 260 pezas entre as que atopamos un caderno de campo, máis de trinta pinturas e de 25 ilustracións, 14 esculturas, máis de trinta fotografías, vinte ensaios, máis de corenta poesías, setenta narrativas, gravados e pirogravados, caricaturas, cerámicas e colaxes, instalacións, performances, murais, bordados e fotoimpresións, pezas de arte natureza, arte corporal e conceptual, obras en téxtil, zocos, vídeos, pezas musicais, escaparates, pezas de ourivería... obras colectivas (de varias persoas, de asociacións e fundacións, de empresas...) e individuais, de Galicia e de fóra (Madrid, Xapón, Nova Zelandia, Cuba, Polonia, Bélxica, Angola ou Australia).

No listado aparecen nomes de xente moi coñecida que nos dá certo pudor citar por non poder poñelos a todos e todas pero a modo de cata podemos falar de representantes da plástica como Xaquín Marín, Marta Iglesias, Alfonso Costa, Ekaterina Volkova, Xosé Cobas, Soledad Penalta, Antonio Seijas, Ana Pillado, Baldo Ramos, Yolanda Carvajales, Francisco Remiseiro, Soledad Pite, Kukas, Pepe Carreiro, María Meijide, Siro López, Noemí López, J. Méndez, Francisco Pazos, Víctor Rivas, Isabel Pintado, Vicente Ansola... de representantes da escritura como Salvador García Bodaño, Helena Villar, Euloxio R. Ruibal, Aurora Marco, Xavier Queipo, Emma Pedreira, Antonio Reigosa, Eva Veiga, Francisco Fernández Naval, Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Camiño Noia... do campo da artesanía: Ío Morales, Elena Ferro, Ana de Vilatuxe, Patricia González, Fernando Porto, Mamen Bazarra, Pepa Dios... pola gastronomía os restaurantes e bares da zona de Galeras, do ámbito musical: Abe Rábade, Sebastián Paz, Luís Caruncho, Carmiña de Soutomaior, Tino Baz, Miro Casabella, César Morán, Antonio Quesada... de empresas como cerámicas da Ulla, Otero Regal ou Galos, da ourivería: Chus Iglesias, Ferraxe de prata, Rosa F. Míguez... escaparates na libraría Couceiro e ourivería Acivro ou mural xigante como o de Jorge Mesa, mandas colectivas da Asociación Galega de Editoras, AELG, Fundación Neira Vilas, Movimento Cooperativo da Escola Popular Galega, Plataforma de Galeras, Asociación Terra de Outes, Premio Leixaprén, Editorial Kalandraka e Alvarellos... da crítica de arte: Mercedes Rozas e Carlos L. Bernárdez ou de responsables de museos como Carlos Valle e Antonio González Millán; do xornalismo: Tareixa Navaza, Fernando Salgado ou Xulio Xiz, da pedagoxía Antón Costa, da filosofía Ignacio Castro, da xeoloxía Francisco Díaz Fierros, da memoria histórica Eduardo Liste, da igrexa que acompaña Alfonso Blanco Torrado ou Rubén Aramburu, das matemáticas Antom Labranha; da política Encarna Otero ou Mercedes Rosón; o biógrafo Xosé Ramón Fandiño e o fillo Xosé Díaz; ensaios poderosos como o de Emilio Insua ou Xaime Subiela que van acompañados dos de Mercedes Espiño, Xoán Pastor Rodríguez ou Alfonso Mato.

Nomes que recoñecemos ao lado de nomes do común, porque todos e todas foron convidados da mesma maneira, o blog estivo aberto para recibir o que cadaquén achegou a esta obra colectiva.

Igual cumpría explicar os nomes:

Alento esbravexo foi o nome que se deron as sete persoas que puxeron en pé a iniciativa: Pilar Sampedro, Heitor e Martiño Picallo, David Otero, Eva Liñeira, Maka Arca e Ana de Vilatuxe. Alento esbravexo: alento, polo alento que precisamos nesta empresa; esbravexo, un adxectivo que utilizaba Xohán Xesús González e que vén sendo sinónimo de bravo ou con rabia. Alento, ánimo, azos, folgos para botarnos a andar. Andar con bravura, sen agardar a pedir permiso, sen agardar por ninguén... porque non hai tempo que perder para honrar a quen nos honrou, e tamén con rabia, porque houbo quen lle fixo mal, quen o quixo deshonrar e houbo quen asistiu indiferente ao abuso.

Unha manda de pezas. Porque manda é un agasallo, unha doazón, un legado, o que se pode coller dunha vez coas mans ou un grupo que vai xunto.
Unha manda de pezas para Isaac, son as máis de 260 que se poden ver na rede: https://mandadepezasparaisaac.blogspot.com/
Pilar Sampedro