Skip to main content

Galicia celebra os Días Europeos da Artesanía con actividades de divulgación dos oficios artesáns ata o domingo

Entre os días 9 e 11 de abril, en horario de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas, no barrio dos Muíños, en Mondoñedo, están previstas diferentes actividades presenciais e online a cargo dos obradoiros de cantería de Fernando Vilariño (Punteiradas Viladepedra- Fernando Vilariño), o taller de serigrafía de Estudio Estampa, o obradoiro de monicreques Mircromina e o de cerámica Esquina Atlántica. Será en horario de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

Na aldea do Couto (Ponteceso), a Fundación Eduardo Pondal organiza tres obradoiros dirixidos a familias relacionados coa estampación manual (9 de abril), a creación de cianotipias (10 de abril) e o papel marmolado (11 de abril). Estarán impartidos polos artesáns María José Martínez e José Antonio Carrera, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

A última das iniciativas apoiadas pola Xunta no marco dos Días Europeos da Artesanía é a programación de Escaparates viventes do Mercado Galego da Creatividade, en Santiago de Compostela. Hoxe mércores as demostracións serán a cargo dos obradoiros de escaparatismo Espacio B e Denadinteriores, de 11:00 a 14:00 horas, e do obradoiro de pintura sobre seda de María Feijoo, de 17:30 a 20:30 horas. O xoves 8 de abril, a xoieira Soledad Mato realizará unha demostración de 11:00 a 14:00 e o obradoiro de ebanistería Tres Oficios será o encargado pola tarde, de 17:30 a 20:30 horas. O venres será a quenda do obradoiro de xoiería Brigantia Orfebres (11:00 a 14:00) e Tejeluz (de 17:30 a 20:30), especializado en vidro. O sábado as demostracións serán do obradoiro de xoiería Noga Arts (11:00 a 14:00) e o de restauración de mobles A Factoría Atelier (17:30 a 20:30).

Festival de vídeos en directo

Por outra parte, Fundesarte e Oficio y Arte, Organización dos Artesáns de España, organizan un festival de vídeos en directo con demostracións de obradoiros de toda España, no que participan os galegos Cerámica Unzueta, que tivo lugar onte, e o obradoiro de elaboración de guitarras de madeira, Franfet Guitars, que terá lugar esta tarde ás 16:00 horas.

Outras actividades en Galicia

Ademais, na provincia da Coruña, ofrécese unha visita guiada centrada na colección de olería galega do Museo Os Oleiros (Oleiros) entre os días 6 e 10 de abril. Os participantes poderán realizar un percorrido duns 40 minutos pola historia da olería galega descubrindo as pezas máis características e observando a gran variedade de formas e usos que tiña a cerámica de Galicia.

En Santiago de Compostela, o obradoiro de serigrafía Do Paraná organiza diferentes actividades ao longo desta semana entre os que se inclúen obradoiros para familias (sábado 10 de abril en dúas quendas pola mañá), clases gratuítas (9 de abril) e unha visita ao taller (hoxe martes a partir das 16:00 horas). Tamén nesta cidade, o obradoiro especializado na talla de madeira Ilex Talla organiza unha xornada de portas abertas o venres 9 ás 19:30 horas, e o obradoiro coruñés Anaquiños de Papel organiza un taller gratuíto online o mércores 7 ás 17:00 horas para crear flores de papel. O obradoiro Urko Encaixes (Ferrol) ábrelle as súas portas aos visitantes hoxe en horario de 17:00 a 20:00 horas.

Na provincia de Lugo, o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo organiza diferentes actividades ao longo desta semana para celebrar os Días Europeos da Artesanía. Dunha banda, amplía o seu horario de acceso á Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros ao longo de toda esta semana, e organiza obradoiros ao aire libre de esgrafiado e de cestería.

O obradoiro de esgrafiado, a cargo de Carola Carrot, estará aberto á participación de catro persoas que poderán participar na elaboración do mural, previa inscrición. O esgrafiado de cal é unha técnica artesanal de revestimento de paredes moi habitual en boa parte da península Ibérica.

No Taller de Cestería no Paseo do Río Rato, terán lugar os obradoiros de cestería. Lola Tourón encargarase da elaboración de estruturas xeométricas coa técnica niño (8 de abril). Carmen Fieiras farase cargo dos obradoiros de iniciación á cestería de médula con nó celta (7 e 10 de abril) e de iniciación á cestería de varas (11 de abril). Idoia Cuesta, encargarase do obradoiro de elaboración dunha bandexa de vimbio moi semellante ás pezas que ela mesma elabora dentro das súas coleccións de alta cociña (9 de abril). Para participar nestes obradoiros é preciso inscrición previa.

Idoia Cuesta, Premio Nacional de Artesanía, e internacionalmente coñecida polo seu traballo da man de grandes deseñadores e as súas incursións no mundo da moda, arquitectura e decoración, será a encargada de elaborar cos seus alumnos e alumnas unha bandexa de vimbio moi semellante ás pezas que ela mesma elabora dentro das súas coleccións para alta cociña.

En canto á provincia de Pontevedra, o obradoiro de cerámica Alén das olas (Marín) abre as súas portas ao público durante toda a semana e o sábado 10 de abril ofrece un obradoiro de decoración de olas realizadas no torno. Tamén nesta localidade, o Taller de marroquinería F. Vicens organiza un obradoiro para troquelar un doblón pirata durante os días 7,8 e 9 de abril. O día 10 de abril, de 9:00 a 11:00 horas, o obradoiro Bo Camiño organiza un taller online sobre como facer uns pendentes e un colgante con resina.
Días Europeos da Artesanía