Skip to main content

O Congreso Internacional de Mediación Lectora pon o foco no papel da literatura durante a pandemia

A pandemia, engadiu a tamén directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, “viu a modificar os nosos modos de relacionarnos”, pero tamén “os nosos hábitos lectores”, pasando a lectura a ocupar “un espazo central” neste período, no que foi “compañeira, axudounos a encontrar acubillo e puxo ao noso dispor liñas que nos permitisen reflexionar e encontrar liñas de salvación, un estímulo para seguir camiñando”. Partindo destas ideas, este congreso internacional desenvolverá a súa terceira edición os días 22 e 29 de abril e 6 de maio de xeito virtual, baixo o título de Emerxencia literaria: ler en tempos de pandemia.

O vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces, presentaron este venres xunto a Agrelo o programa da terceira edición deste evento, que se desenvolverá a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, contando coa participación de escritores como Jordi Sierra i Fabra e Mar Benegas e de profesionais da ilustración, as novas tecnoloxías ou a educación. “Tras non poder realizarse a edición de 2020, Concello e Vicerreitoría decidiron unir forzas para buscar as vías e os medios necesarios para poder levar a cabo este congreso”, apuntou Soto, que destacou as capacidades de iniciación ou transformación que implica a lectura como “elementos absolutamente necesarios para afrontar momentos tan desacougantes como os actuais”.

Organizado polo Concello, a Vicerreitoría, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, a Rede Temática de Investigación Lijmi (Literaturas Infantiles y Juveniles en el Marco Ibérico e Iberoamericano) e o Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, o congreso conta tamén co “apoio de persoal investigador de diferentes universidades nacionais e internacionais” no seu comité científico, como salientou Soto. Aberto a un máximo de 150 asistentes, a inscrición permanece aberta na web do Salón do Libro, evento que constitúe, engadiu Fouces, “o espazo literario probablemente máis grande de Galicia” e que deu forma un “ecosistema” arredor do libro, “no que tiña que medrar un congreso”.

Literatura que sanda e que afronta temas tabú

Como espertar na infancia e na mocidade “o gusto pola lectura” constitúe, como lembrou Agrelo, o eixo central deste congreso, no que se presentarán diferentes experiencias sobre “como acompañarlles na adquisición deses hábitos lectores”, pero que busca tamén abordar “todo o ciclo de produción arredor da literatura infantil e xuvenil” e visualizala como “un elemento central no panorama cultural”.

O evento arrancará o vindeiro xoves 22 cunha xornada moderada pola escritora Tamara Andrés que abrirá o educador Jaume Centelles cun relatorio no que “daranos certas claves sobre como aproveitar as potencialidades terapéuticas da lectura”, salientou a coordinadora do congreso. Nesta primeira xornada, a escritora e contacontos Charo Pita centrarasé na “lectura en voz alta, a primeira que capta a atención do potencial lector”, mentres que os responsables do Museo do Videoxogo Galo Martínez e Luz Castro incidirán en “como a lectura e a creatividade están tamén presentes nos videoxogos”. Por último, o escritor Fran Alonso, achegará ao evento “unhas liñas sobre como transmitir o gusto pola poesía á infancia e á xuventude”.

Unha semana despois, a escritora Mar Benegas, realizará unha aproximación a obras “que abordan temáticas tan difíciles como pode ser a morte” que, como explicou Agrelo, resultan difíciles de tratar cos máis novos, tanto nas aulas como nos propios fogares. Tamén o xoves 29, o congreso abordará como a escritura e as imaxes “se conectan e retroalimentan” no relatorio da ilustradora Luz Beloso e coñecerá os proxectos de humor que difunde a través da rede Hematocrítico, pechando a xornada o escritor Freddy Gonçalves, que proporcionará unha serie de claves para “que a mocidade non perda eses hábitos lectores interiorizados nos primeiros anos”.

A lectura tamén é solidariedade

O xoves 6 de maio, o congreso contará coa participación do Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil Jordi Sierra i Fabra, que afondará tanto no seu traballo como escritor como no labor que desenvolve a súa fundación. Trala súa conferencia, o evento deterase en tres experiencias que amosan, como sinalou Agrelo, que “a lectura non é só un medio de formación, senón tamén de solidariedade”. Concretamente, buscará dar a coñecer a iniciativa Libros que unen, da comunidade educativa Alpartir de Zaragoza, dirixida a “facer chegar a lectura aos fogares necesitados”; o proxecto Bubisher, que se leva a cabo no Sahara; e o labor de promoción da lectura que realiza en Colombia Diego Alejandro Ruiz. Por último, o congreso contará na súa clausura coa participación de Luz Gallego, responsable da libraría Seijas, especializada en literatura infantil e xuvenil.
Concello de Pontevedra