Skip to main content

O presidente da Xunta de Galicia inaugura o mércores o II Salón Internacional da Saúde

O presidente da Xunta de Galicia inaugurará este mércores a segunda edición do Salón Internacional da Saúde que, entre os días 13 e 15 de abril, congregará na capital galega aos mellores especialistas en 40 disciplinas médicas e sanitarias. Máis de 300 (procedentes de 15 países dos continentes europeo e americano) intervirán nalgunha das Xornadas Científicas, e a eles hai que sumar os arredor de 350 membros dos Comités que se ocuparon da selección dos participantes.

COMITÉS DE HONRA DO SIS

O titular do Executivo galego é membro do Comité de Honra do Salón Internacional da Saúde -que ten como Presidente de Honra á S.A.R. o Príncipe de Asturias- Felipe de Borbón. No Comité de Honra do SIS están tamén a ministra de Sanidade e Consumo, Elena Salgado; o presidente do Parlamento de Galicia, José María García Leira; e o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, así como os responsables de Sanidade das outras dezaseis Comunidades Autónomas españolas, Ceuta e Melilla, e o secretario xeral da Conselleria de Sanidade galega, Carlos Monclús Díez de Ulzurrum.

O Salón conta ademais cun Comité Científico de Honra, do que forman parte profesionais de recoñecido prestixio como son o director do Instituto Cardiovascular do Hospital Mount Sinai de Nova York, Valentín Fuster; Santiago Grisolía, presidente da Fundación Valenciana de Estudos e Investigacións Avanzadas; o presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, Francisco Reyes Oliveros; José María Fraga Bermúdez, decano da Facultade de Medicina da USC; José Peña Guitián, Catedrático de Pediatría da USC; José Luis Puente Domínguez, fundador da Sociedade Galega de Patoloxía Dixestiva; o xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Transplantes do Hospital 12 de Octubre, Enrique Moreno González; Fernando Baquero Mochales, xefe do Servizo de Microbioloxía do Hospital Ramón y Cajal; e Manuel Sánchez Salorio, director executivo da Fundación Instituto Galego de Oftalmoloxía.

O Presidente dos Comités Científicos das Xornadas do SIS é o doutor Carlos Cordón Cardo, director da División de Patoloxía Molecular do Memorial Sloan Kettering Cancer Center de Nova York.

ÚLTIMOS AVANCES NUN CERTAME DE REFERENCIA

O II Salón Internacional da Saúde (a primeira edición celeberouse en 2003) concentrará en tres días a profesionais que debaterán sobre as últimos avances en 40 especialidades e disciplinas relacionadas coa sanidade. O propio presidente da Xunta, cando presentaba esta edición do SIS, aseguraba que “os avances biomédicos e técnicos rexistrados nun bienio son vertixinosos e, de por si, poden dar pé e xustificar o feito de reunir nun mesmo foro a todos os protagonistas, responsables e actores que moven diariamente a gran maquinaria da sanidade”.

Co obxectivo de consolidarse como certame de referencia no ámbito sanitario estatal e internacional, entre os avances que ofrece este ano o Salón destaca un novo tipo de sutura antibacteriana denominada Vicryl Plus (xa probada en humanos), que incorpora un potente antiséptico e que permitiría reducir a taxa de infección cirúrxica. No SIS tamén se falará da Resonancia Magnética Funcional, que ofrece imaxes en tres dimensións; dun novo radiofármaco para identificar os déficits dopaminérxicos na enfermidade de parkinson; e dun novo concepto de Asistencia Ventricular Mecánica: a Levitación Magnética, o sistema CentriMag.

En Galicia estará Valerio Cigaina, o creador do estimulador gástrico, un método adelgazante basado nun diminuto aparello que, implantado no estómago do paciente e a través dun sistema de electrodos, regula a dixestión e transmite ao cerebro a sensación de saciedade. Tamén intervirá no Salón Jacques Theron, un dos pioneiros da neurorradioloxía intervencionista, que ideou un sistema de protección cerebral para usar durante as anxioplastias (procedemento que consiste en insertar un catéter-balón nunha arteria bloqueada para facilitar o fluxo sanguíneo), e responsable da creación de novas unidades de neurorradioloxía intervencionista que permiten, entre outros avances, reconstruír a imaxe dixitalmente en tres dimensións.

Nesta edición tamén se deberán ter en conta os avances que se presentarán en Oncoloxía e Uroloxía na loita contra os cancros de mama, colon e próstata.

COMITÉ DE SEGURIDADE DE MEDICAMENTOS DE USO HUMANO

Aproveitando a celebración do SIS, o Comité de Seguridade de Medicamentos de Uso Humano reunirase este martes en Santiago, na que será a segunda xuntanza que celebren os novos membros, que empezaron a traballar o pasado 9 de marzo. Está previsto que no encontro traten diversos temas de tipo organizativo, como o repaso do regulamento do propio Comité; a análise do proceso de comunicación de riscos aos profesionais da Sanidade e a revisión de cómo se coordinan en España as decisións europeas que atinxen ao ámbito sanitario.

O Comité de Seguridade de Medicamentos de Uso Humano, dependente da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, está formado por 15 membros e renovase cada 4 anos. Tres dos vogáis son altos cargos da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, e os 12 restantes son designados pola -neste caso- Ministra de Sanidade e Consumo, seis a proposta do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, e outros seis a proposta da Axencia.

Entre os actuais membros do Comité hai un especialista que traballa en Galicia, designado precisamente a proposta da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios. Trátase do doutor Juan Jesús Gómez-Reino Carnota, xefe do Servizo de Reumatoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago, e membro do Comité Científico da Xornada de Reumatoloxía do II SIS.

CENTROS DE TRANSFUSIÓN E DIRECTORES XERAIS DE SAÚDE PÚBLICA

De xeito paralelo á segunda edición do Salón, e ao igual que na primeira, tamén manterán unha xuntanza en Galicia os directores xerais de Saúde Pública de todas as Comunidades Autónomas españolas, que estará presidida polo director xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade e Consumo, Manuel Oñorbe. Nesta ocasión o encontro terá lugar o 14 de abril, e nel tratarán diversas cuestións relacionadas coa saúde pública, como o calendario de vacinas, a sanidade ambiental ou diferentes aspectos relacionados co tabaquismo.

Os directores dos 22 Centros de Transfusión, Hemodoazón, Doazón e Bancos de Sangue existentes en España tamén aproveitarán o SIS para reunirse en Galicia. Son os responsables dos Centros de Granada, Jérez, Málaga, Huelva, Sevilla e Córdoba; Asturias; Illas Baleares; Murcia; Illas Canarias; Cantabria; Madrid; Navarra; Comunidade Valenciana; Alacante; Estremadura; e Castela e León; así como do Centro Vasco de Transfusión e Tecidos Humanos; o Banco de Sangue de Guipúscoa; o Centro de Transfusión e Banco de Tecidos. Cidade Sanitaria Vall d´Hebrón; e o Centro de Doazón de Sangue de Cruz Vermella, ademais do Centro de Transfusión de Galicia.

A xuntanza celebrarase o día 14 en Santiago, e nela falarase do cuestionario unificado de doadores para todo o Estado, e do Real Decreto polo que se establecen as normas de seguridade e se determinan os requisitos técnicos e as condicións mínimas da hemodoazón e dos centros e servizos de transfusión.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia