Skip to main content

'Docs del Mes' retorna ao Teatro Principal de Pontevedra

No mes de maio, a programación continuará coa proxección de Cómo robar a un país, un documental dos surafricanos, gañadores ambos do premio Emmy, Rehad Desai e Mark J. Kaplan. O filme aborda a historia de como un grupo de xornalistas “destapa un caso de corrupción no que está implicado Jacob Zuma, quen fora presidente da República de Suráfrica ata 2018”, así como a “campaña de desinformación” desatada contra a redacción e a posterior investigación xudicial. Por último, o 21 de xuño poderá verse High Maintenance, un documental de Barak Heymann centrado na figura do artista israelí Dani Karavan, creador de máis dun cento de instalacións ambientais por todo o mundo, e no conflito político e artístico no que se ve envolto.

Dada as restricións ás que obriga a situación sanitaria, as proxeccións contan actualmente cun aforo limitado a 49 persoas, ampliable a un máximo de 98 no caso de que acudan conviventes, xa que estes poden sentar en dúas butacas contiguas.

Proxeccións e visualizacións a través da rede

Da man da Vicerreitoría, Pontevedra forma parte desde 2018 desta rede de cinema documental. Nos primeiros tres meses do ano, esta actividade levouse a cabo na Casa das Campás, complementándose estas proxeccións, cun aforo limitado a 15 persoas, coa posibilidade de ver cada documental a través da rede nos 15 días seguintes á súa exhibición. Esta posibilidade mantense tamén nestas novas citas, nas que as persoas que non poidan acudir ao Teatro Principal poderán enviar un correo electrónico a docspon@uvigo.es, indicando no asunto 'docs del mes'. A estas persoas enviarásellles un código numérico de uso unipersoal que lles permitirá acceder ao documental na web de Docs del Mes. En total, a Vicerreitoría poderá entregar un máximo de 200 'pases' para a visualización de cada un dos filmes.
Universidade de Vigo