Skip to main content

Santiso Miramontes ensalza a progresión en calidade do Viño da Ulla dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas

A inclusión da ribeira do Ulla dentro da denominación de orixe Rías Baixas “ábrelle novas posibilidades” ao viño desta zona “no camiño de progresar desde o procesado artesanal de autoconsumo cara a unha maior produción presidida pola garantía de plena calidade nun mercado cada paso máis aberto e competitivo”. Así o manifestou o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes, durante a lectura do pregón da XXV edición da Festa do Viño da Ulla que se celebra na parroquia de san Miguel de Sarandón, do concello de Vedra.

TERRAS DE VIDE, MONACATO E FIDALGUÍA

Na súa intervención, Santiso Miramontes fixo un percorrido pola historia do viño, deténdose especialmente na Idade Media “cando o viño máis se estendeu e acadou grande protagonismo entre nós, cultivado por freires e monxes que precisaban del para a súa liturxia, pero tamén para o seu consumo, porque o cristianismo tivo un papel transcendental na promoción do viño”. O conselleiro destacou a actividade vitivinícola da ribeira da Ulla “onde coa vide enraizou monacato e fidalguía”, imaxinando as “parras erguidas por frades de mosteiros como o de San Sebastián do Pico sacro ou do mítico San Xoán da Cova, gañando cada paso máis terreo polas vertentes soleadas ata onde chega o vento mareiro da Arousa”.

PROCESO DE MODERNIZACIÓN

Logo de lembrar a influencia do viño na inspiración artística –con mencións á literatura dedicada ao val ullán por Castroviejo e Pedrayo, entre outros-, na gastronomía, nas romarías e a súa pegada na cultura popular, Santiso Miramontes gabou o labor dos produtores de viño da zona que “sen abandonar a súa tradición e a súa experiencia secular, están inmersos nun proceso de modernización que pasa pola recuperación de vides autóctonas, a incorporación de innovacións tecnolóxicas no cultivo e na produción e unha eficaz incorporación ás canles de comercialización e distribución cun produto de forte personalidade e calidade contrastada”. Froito dese labor, existen na actualidade cinco adegas da subzona Ribeira do Ulla –formada por parroquias dos concellos de Boqueixón, Padrón, Teo, Touro, Vedra, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces- acollidas desde o ano 2000 á denominación de orixe Rías Baixas e medio centenar de viticultores que producen 360.000 quilos de uvas nunha superficie de 60 hectáreas.

SÍMBOLO DE CALIDADE E REGALÍA

Santiso Miramontes rematou animando a degustar con moderación unha bebida “que alegra o corazón como a melodía dunha requinta” e “que lle dá nome e renome a estas terras, como llo dá a súa augardente, os seus entroidos, os seus pazos centenarios ou as súas paisaxes nas que medran salmóns, lampreas, froiteiras, flores e produtos de horta que, como o seu viño, son símbolos da calidade e regalía do val”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia