Skip to main content

A falta de coñecemento sobre antibióticos en maiores e a mala comunicación co paciente, principais retos da Saúde Pública

Así o recolle un artigo sobre os factores de uso dos antibióticos en España do CIBER de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBERESP) publicado en Plos One e dirixido polo grupo de Adolfo Figueiras, do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), no que toma parte a USC. Esta investigación é o traballo final do Master de Saúde Pública da súa primeira autora, Olalla Vázquez Cancela.

A maior parte do uso de antibióticos —do 80% ao 90%— prodúcese no ámbito ambulatorio. Asemade, o seu consumo en España non só ocupa o primeiro lugar entre os países desenvolvidos —máis de 40 Dose Diarias Definidas (DDD) por 1.000 habitantes ao ano—, senón que as súas cifras seguen aumentando. O estudo levouse a cabo en Galicia, con altos niveis, de ata 23 DDD por 1.000 habitantes por ano.

Este traballo, realizado en 75 participantes, perseguía explorar os coñecementos, opinións e actitudes da poboación xeral respecto aos antibióticos e as resistencias por medio de 11 grupos focais, “a metodoloxía máis apropiada para comprender e describir en profundidade hábitos e comportamentos na sociedade”, segundo os investigadores.

Segundo explica Adolfo Figueiras, coordinador deste estudo, “nos últimos anos, as resistencias bacterianas a antibióticos representan un importante problema de saúde pública e a asociación entre a utilización, consumo e diseminación das resistencias antimicrobianas a nivel comunitario, onde a incidencia de uso é maior, apenas presenta dúbidas. A poboación, como consumidora de antibióticos, desempeña un papel clave no seu desenvolvemento”.

Os investigadores, a través de varias sesións cos participantes no estudo, identificaron varias actitudes e crenzas que poderían explicar o uso inadecuado de antibióticos na poboación: falta de coñecementos, problemas na relación médico-paciente, de adherencia ao tratamento e consumo sen prescrición médica. En canto á idade, destacan en maiores de 65 anos, as carencias no coñecemento dos antibióticos, así como das consecuencias do seu consumo; e en menores desa idade, a mala relación médico-paciente. Neste punto, a maioría dos pacientes neste rango de idade queixáronse do trato e da falta de información por parte dos facultativos, o que afecta á confianza no xuízo médico, presionándoos para que lles receiten antibióticos porque “non se lles informa correctamente do que padecen”.

Confusión entre resistencias e tolerancia

A primeira asinante do estudo, Olalla Vázquez, explica pola súa banda que “é importante ter en conta que en ningún dos grupos a información sobre as resistencias procede do sector sanitario. En moitas ocasións, as crenzas da poboación sobre as resistencias son erróneas. Trátase dun fenómeno por moitos descoñecido e, a miúdo, percíbese como un problema individual, confundindo este termo co de tolerancia a medicamentos. Isto fainos pensar que existe unha mala transmisión da información entre o sistema sanitario e a poboación en canto ás resistencias antimicrobianas e ao uso dos antibióticos”.

Grazas aos resultados destes traballos, permítese identificar que factores ou actitudes parecen estar a xogar un papel máis importante en como a poboación usa os antibióticos, e as consecuencias que iso ten a nivel de saúde pública. Así se facilitará o deseño de enquisas que permitan medir os niveis de coñecemento con respecto aos antibióticos e ás resistencias, así como deseñar futuras estratexias e intervencións educativas dirixidas a cada subgrupo específico e encamiñadas a modificar as actitudes relacionadas cos hábitos que interveñen de maneira máis directa no uso dos antibióticos. “Con iso, contribuiremos a mellorar a utilización de antibióticos e, potencialmente, solucionar un dos retos deste século: a emerxencia de xermes resistentes”, conclúe Juan Vázquez Lago, tamén participante neste traballo.

En conxunto, os efectos adversos dos antibióticos, a ineficacia e a resistencia é unha das maiores ameazas para a saúde mundial debido ao gran impacto na morbilidade, a mortalidade e os custos. O uso excesivo e inadecuado de antibióticos contribúe significativamente a este problema e, de feito, débese supoñer que o uso excesivo explica as diferenzas no uso de antibióticos (ata tres veces) entre os países da Unión Europea, xa que non hai evidencia de ningunha diferenza na prevalencia de enfermidades infecciosas.
Universidade de Santiago de Compostela