Skip to main content

O Campus de Lugo 'apadriña' un núcleo tecnolóxico para a sustentabilidade agroalimentaria no norte de Portugal

O obxectivo é favorecer proxectos empresariais relacionados coa vitivinicultura e a produción animal que contribúan á dinamización económica e á promoción da sustentabilidade territorial.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, participou na inauguración do programa Nutrir, no marco dunha sesión na que tamén interviñeron a ministra de Cohesión Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa; a Secretaria de Estado de Valorización Interior lusa, Isabel Ferreira; o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, António Cunha; o presidente do IPVC, Carlos Rodrigues, e os alcaldes dos concellos de Melgaço, Monçao e Paredes de Coura, así como outros representantes locais e as doutoras que desenvolverán ao longo dos próximos tres anos actuacións de investigación e asesoramento encamiñadas a poñer en valor os produtos locais da rexión do Baixo Miño.

A implicación do Campus de Lugo da USC neste proxecto transfonteirizo entre o Norte de Portugal e Galicia responde ao interese manifestado desde o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e nomeadamente desde a súa Escola Superior Agraria, cuxa directora é a doutora luguesa egresada da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Isabel Valín Sanjiao.

Daquela, esta enxeñeira agrónoma avogou porque a sede universitaria luguesa acompañara aos figurara xunto con representantes das cámaras municipais de Melgaço, Monçao e Paredes de Coura na comisión de asesoramento do proxecto Nutrir, un órgano que se ocupará de deseñar e supervisas as actividades programadas para favorecer o desenvolvemento desta rexión lusa, do que tamén forman o Centro de Investigación e Desenvolvemento de Sistemas Agroalimentarios Sostibles (CISAS), a Asociación de Desenvolvemento Integrado do Val do Miño (Adriminho), a Comisión rexional de Viticultura de viños verdes e a Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (Evega).

Proxecto Nutrir

O proxecto Nutrir céntrase en territorios de baixa densidade de poboación e con baixa competitividade, enclaves nos que a presenza de estruturas de I+d+i con recursos humanos altamente cualificados antóllase como un recurso fundamental para a catalización da produción primaria e agroalimentaria, así como para articular estratexias de planificación empresarial e de sustentabilidade territorial.

O territorio rural de Monção e Melgaço caracterízase pola súa elevada calidade ambiental, así como pola importancia que ten na súa economía local a actividade agrícola asociada á produción de uvas da casta Albariño nas zonas máis baixas ou a produción animal nas áreas de montaña. O tecido empresarial da rexión está formado por pequenos negocios, produtores e empresas agroalimentarias de tamaño reducido e sen capacidade para implementar procesos de innovación.
Universidade de Santiago de Compostela