Skip to main content

Innovando o sector pesqueiro a partir da discrepancia

O artigo ‘On the Role of Perception: Understanding Stakeholders’ Collaboration in Natural Resources Management through the Evolutionary Theory of Innovation’, resultado do proxecto de investigación Life iSeas, integra a teoría evolutiva da innovación, en particular o concepto de proximidade, e o enfoque da percepción para establecer un marco teórico capaz de explicar non só por que os diferentes tipos de coñecemento difiren, senón tamén por que deberían diferir e por que esta diverxencia é útil á hora de desenvolver a ordenación pesqueira.

Saber o que é un barco

O descarte é a práctica de devolver ao mar as capturas non desexadas, vivas ou non, por diferentes razóns como pode ser non alcanzar a talla, porque o pescador non dispón de cota, ou ben por determinadas normas de composición das capturas. O nova Política Pesqueira Común quere eliminar este malgasto introducindo a obrigación de desembarque de todas as capturas, incluídas as ata hoxe descartadas. Esta novidade favorece unha maior selectividade e unha maior fiabilidade dos datos sobre as capturas. Porén, as entrevistas realizadas de xeito presencial, nas oficinas das empresas pesqueiras ou nos propios barcos, serviron para evidenciar como os pescadores non comparten na súa totalidade este modelo de xestión.

“Aqueles que fan a lei non saben o que é un barco”, afirma unha das persoas entrevistadas. “A miña impresión é que Bruxelas pon a música e nós bailamos”, afirma outro dos actores analizados. O feito de que a lei é “extremadamente ambigua” é outra das queixas recollidas no marco da investigación. “Un dos puntos máis delicados no proceso de transición cara a un novo marco para gobernar o sector pesqueiro é o risco de que os pescadores se enfronten a unha diminución en ingresos mentres os seus custos aumentan”, explica o primeiro asinante do artigo e científico da USC, Gonzalo Rodríguez Rodríguez.

As entrevistas desenvolvéronse en dúas fases, a primeira en 2015 e a segunda en 2017, coa intención de coñecer a evolución no punto de vista das persoas entrevistadas, e serviron para poñer de manifesto a disparidade entre as características do coñecemento de produtores, pescadores e doutras partes interesadas, como políticos e científicos. “Tendo isto en conta, os estudos de percepción son o primeiro paso para formalizar o coñecemento tácito e iniciar o diálogo mentres se potencian os procesos de aprendizaxe entre pescadores, científicos e lexisladores”, continúa Gonzalo Rodríguez. Os estudos de percepción tamén poden, tal e como constata a investigación, abrir o camiño para reducir a distancia cognitiva entre estes tres tipos de actores e permiten o desenvolvemento colaborativo do coñecemento, proporcionando solucións prácticas baseadas nas experiencias dos usuarios.

Aprendizaxe común

“Os responsables de formular políticas pesqueiras necesitan recibir a información máis completa posible para minimizar os riscos das súas decisións nun escenario de incerteza”, explica o profesor Rodríguez. “En pesca, ademais, a toma de decisións non debe ser un proceso lineal que vaia desde o laboratorio á formulación dunha lei, senón que debe considerar diferentes perspectivas, expectativas, obrigacións e necesidades, dos actores involucrados en cada proceso”, engade. Por iso, a toma de decisións debe apoiarse tanto na consideración da evidencia científica dispoñible como do contexto no que vai ser aplicada pero tamén na información procedente da percepción dos pescadores. Con todo, a formulación de políticas tende a primar o coñecemento formalizado sobre o contextualizado.

Aínda que os desaxustes entre o coñecemento científico e o pescador son habituais, debe establecerse un terreo de aprendizaxe común entre ambos os dous grupos. “Sen dúbida, isto dará como resultado un mellor asesoramento en materia de formulación de políticas, unha mellor aplicación e unha maior eficiencia e sustentabilidade na regulación pesqueira”, conclúen os investigadores.
Universidade de Santiago de Compostela