Skip to main content

O documental 'Xela Arias. Poeta nas marxes' chegará a 30 localidades de Galicia



A Xunta de Galicia dálle continuidade á homenaxe á autora anfitrioa das Letras Galegas 2021 ca iniciativa Xela Arias. Poeta nas marxes, un programa de proxeccións audiovisuais do documental homónimo dirixido por Beatriz Pereira arredor da escritora que hoxe foi presentado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañado da directora e produtora do documental, Beatriz Pereira, e do fotógrafo Xulio Gil en representación da familia Arias Castaño.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, destacou que con esta peza documental, que se proxectará en 30 localidades galegas, “queremos facer partícipe da programación institucional das Letras a concellos e entidades da Rede de Dinamización Lingüística e á súa cidadanía para que a festa da lingua galega se estenda máis alá do propio 17 de maio, do mes das Letras, e teña presenza ao longo de todo o ano para visibilizar e recoñecer a figura, a vida e a obra de Xela Arias”.

Xela Arias na voz da xente

A partir dos testemuños de Marga do Val, Xosé María Álvarez Cáccamo, María Xesús Nogueira, Manuel Bragado, Susana Trigo e Humberto Heredia, o documental percorre a vida e obra da homenaxeada no día das Letras deste ano, deténdose en todas as arestas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega.

As proxeccións, dirixidas a todos os públicos desde os 12 anos de idade, chegarán desde este mes ata outubro aos concellos de Sarria, Folgoso do Courel, Xinzo de Limia, A Pobra de Trives, Moaña, Tomiño, Marín, Ribeira, Melide, Lalín, Monforte de Lemos, O Pereiro de Aguiar, O Carballiño, Cabana de Bergantiños, Viveiro, Mondoñedo, Ferrol, Lobios, Vilalba, Ponteareas, Fene, Mazaricos, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Ordes, Sanxenxo e ao Museo do Mar de Galicia, en Vigo, todos eles pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística.

Toda a información e calendario están xa dispoñibles no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
Xunta de Galicia