Skip to main content

Xunta e Ecoembes incentivarán aos municipios para promover a recollida selectiva de envases e papel

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, e o director xeral de Ecoembes, Melchor Ordóñez, asinaron en Santiago o acordo a través do cal se renova a colaboración para promover a recollida selectiva de envases lixeiros e papel e cartón en toda Galicia. O convenio, que terá vixencia ata o ano 2010, establece a posta en marcha dun novo sistema de financiamento para os concellos adheridos a este sistema de recollida selectiva, co que se pretende incentivar aos municipios para que melloren a separación dos residuos e aumenten o volume de refugallos recollidos.

Así, as achegas económicas non dependerán só do número de quilos recollidos, senón da calidade dos refugallos recollidos. Deste xeito, os concellos con niveles de impropio –envases que se introducen no colector equivocado- inferiores ao 30 por cento veránse recompensados nas súas achegas. A finalidade é acadar un nivel de impropios por debaixo do 25 por cento en todos os municipios adheridos.

RECOLLIDA SINGULAR

Ademais, este convenio atende ás condicións específicas de Galicia que, pola súa tipoloxía de municipios e de dispersión poboacional, precisan dun sistema singular de recollida selectiva. Deste xeito, os municipios máis rurais experimentarán un importante incremento nas súas achegas económicas, para permitir que o maior número de poboación rural poida acceder a este servizo.

O principal obxectivo deste renovado convenio é optimizar a cantidade e a calidade dos residuos recollidos de maneira selectiva, o que permitirá incrementar aínda máis os rendementos das plantas de clasificación dos envases de Galicia e aumentar os niveis de reciclaxe.

RECICLADOS UN DE CADA DOUS ENVASES

Na actualidade o 94% dos municipios galegos (un total de 296) está adherido ao convenio marco de recollida selectiva coa Consellería de Medio Ambiente e Ecoembes. Isto supón que o 98 por cento da poboación dispón deste servizo nas súas zonas de residencia. Cómpre salientar, como dato significativo da progresiva implantación da recollida selectiva en Galicia, que o pasado ano reciclouse case a metade dos envases comercializados –que inclúe tanto envases de cartón como de metal, bricks, etc…- fronte á media nacional que non supera o 47 por cento.

Nos últimos cinco anos reciclouse en Galicia un total de 126.912 toneladas de residuos de envases, cifra que se incrementou de maneira progresiva en cada exercicio. De feito, en 2000 o material de reciclado foi de 10.524, fronte ás preto de 40.000 toneladas que se recuperaron o pasado ano (das cales 20.258 toneladas eran de papel, 7.945 toneladas eran de envases lixeiros e outras 11.064 toneladas eran de metais).

Como dato significativo, cómpre sinalar que só no ano 2003 recuperaronse en toda España 1,1 millóns de toneladas de envases, cantidade que equivale a 80 estadios de fútbol repletos de envases.

NOVA MATERIA PRIMA

A recollida de envases de cartón e papel efectúase a través dos colectores azuis, mentres que a de envases lixeiros faise a través dos colectores amarelos. Os residuos de envases transpórtanse ata o complexo medioambiental de Cerceda, onde se clasifican para a súa entrega ás entidades de reciclaxe e recuperación que os usan como unha nova materia prima. Prendas textiles, materiais da construción e mobiliario urbano son algúns dos novos usos que teñen os envases reciclados.

Pola súa banda, o papel e o cartón recollido trasládase directamente ás plantas de reciclaxe, onde nun primeiro momento se procede á súa limpeza e acondicionamento. Logo estes residuos trátanse para convertelos en papel reciclado, con novos usos.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Desde a posta en marcha no ano 1998 do Sistema Integrado (SIG) evitouse que máis de 5 millóns de toneladas de envases rematasen en vertedoiros. Este continuo éxito acadouse a través dos esforzos realizados por Ecoembes coas distintas comunidades autónomas, coas administracións locais e con toda a poboación. De feito, paralelamente á implantación da recollida selectiva nos distintos municipios, desenvolveronse unha serie de campañas de divulgación e concienciación encamiñadas a informar e promover entre a cidadanía a recollida selectiva.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia